Símbolos positivos

La Voz de Galicia – 26 de xuño, 2020 →

Cristina PatoA historia da bandeira arco iris que representa ao movemento LGTBIQ+ comezou en California, no ano 1978, co artista e activista estadounidense Gilbert Baker. O deseño orixinal da bandeira tiña oito cores, cada unha co seu simbolismo, pero por cuestións prácticas dúas desas cores foron desaparecendo para dar lugar á bandeira que temos hoxe: un arco iris de seis cores.

A idea de crear unha bandeira como símbolo do movemento político que estaba a comezar tivo a súa orixe no círculo de amizades de Baker, que incluían ao histórico político Harvey Milk. Baker nunca a rexistrou, pois, segundo a súa web, a bandeira, coma tódalas bandeiras, tiña que ser de dominio público. Viviu da súa arte, e levou a cabo momentos de activismo históricos, como cando creou unha bandeira dunha milla (1.600 metros) para conmemorar o 25.º aniversario das revoltas do Stonewall, ou cando reaccionou á elección de Donald Trump creando unha serie de uniformes de prisioneiros cun triángulo rosa no peito, unha referencia ao xeito que tivo o nazismo de etiquetar a homosexualidade nos campos de concentración. O triángulo rosa permanece como símbolo, pero a bandeira arco iris representaba unha idea máis global e positiva do momento histórico no que nacía.

Estes días, lendo as diferentes reaccións á campaña de Correos #NoSoloAmarillo, na que a compañía estatal lanzou un selo conmemorativo coa bandeira arco iris e cambiou o amarelo polo arco iris nalgunhas caixas de correos e furgonetas, deime conta de que a homofobia, coma o racismo, segue a ser politizada, dun xeito que ás veces nin sequera é visible, e é precisamente esa invisibilidade a que máis nos debería preocupar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.