Simultaneidades

La Voz de Galicia – 4 de diciembre, 2020 →

Cristina PatoEn cada un dos nosos paseos, Xan e mais eu tentamos aprender curiosidades deste barrio ao que chamamos noso, pois levamos dezasete anos habitándoo. No Greenwich Village sempre hai unha historia que nos leva de volta a Galicia, xa que tanto o East coma o West Village foron lugares de acollida para os inmigrantes da nosa terra durante o século XX. Os históricos restaurantes rexentados por galegos no corazón do jazz e do movemento LGTBIQ+ fan que unha imaxine as historias de adaptación dos que chegaban aquí sen nada máis que esperanza. E os clubs como La Nacional axúdannos a entender os fortes lazos que unían aos galegos de Nova York coa convulsa historia da España do século XX.

O caso é que no noso paseo, coma tantas outras veces, pasamos por diante do Webster Hall. E de súpeto lembrei o feito de que ese histórico edificio, testemuña da historia do rock, é propiedade dun dos centros galegos da cidade de Nova York. Unity Gallega Inc. mercou o Webster Hall no ano 1969, e durante un tempo centrou alí as actividades da Casa Galicia. E cando a inmigración galega na cidade foi gravitando cara o barrio de Queens, decidiron alugar o Hall en Manhattan para crear un espazo equivalente nesoutra nova Galicia.

O máis fermoso para min foi pensar que, durante máis dunha década, a Casa Galicia compartiu o edificio coa mítica sala The Ritz, pola que pasaron Tina Turner, Frank Zappa, Eric Clapton… E no meu paseo co Xan, nunha mañá calquera, imaxinei a tódolos ídolos da miña adolescencia saíndo de madrugada do mesmo edificio no que entraban, tamén de madrugada, unha ducia de galegos dispostos a preparar a súa romaría, e pensei que o mundo é tan pequeno coma inmenso.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.