Sobre el cambio

La Voz de Galicia – 18 de febrero, 2022 →

Cristina PatoA verdade é que había máis de dous anos que non iamos ao cine, e estar nesa sala, os dous sós, levoume a reflexionar sobre un cento de cousas á vez. Por unha parte, pensei en como sobreviven os cines hoxe en día, pois a culpa non só é da pandemia: a nosa relación co cinema comezara a cambiar mesmo antes do 2020, coas plataformas dixitais dándonos acceso a tódalas novidades posibles. Pensei no afortunados que eramos por simplemente poder estar aí, vendo unha película no medio da semana, pero tamén pensei que moitos destes lugares xa non existirán en menos tempo do que cremos, e pregunteime cal será o seu futuro.

E entón a película comezou, meténdonos nese ambiente máxico que se crea ao baixar as luces da sala, nese espazo sen tempo, sen móbil, sen présa… E cando a versión de West Side Story de Steven Spielberg xa nos envolvía no seu manto de cor, música e movemento, de súpeto esa idea dos espazos que desaparecen para abrazar outras realidades pareceume máis complexa ca nunca. O West Side de Nova York desaparece para dar paso a unha realidade que aínda non existe, e nese proceso aparecen tódolos medos que fan que uns deixemos de falar cos outros, que fan que busquemos inimigos onde non os hai. Eses medos que nos levan a odiar o que representa a diferenza, que nos cegan, e nos fan esquecer que en tódolos momentos da nosa historia fomos un país diverso… E ao saír do cine lembrei que a realidade na que vivimos non é tan diferente á do histórico musical. Cambian os nomes, as orixes, os lugares, pero non cambia o xeito que temos de enfrontarnos ao cambio, non cambia o noso xeito de entender o medo… Cambian os espazos, pero nós non cambiamos tanto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.