Sobre la esperanza

La Voz de Galicia – 11 de noviembre, 2022 →

Cristina PatoQuedan cincuenta días para rematar o ano. Un annus horribilis no que semella que temos de todo: desde «unha autopista ao inferno climático», en palabras de António Guterres (secretario xeral da ONU), até un número indefinido de guerras visibles e invisibles, pasando pola inflación e a recesión, a polarización da sociedade, a crise migratoria, todos os retos relacionados coa pobreza e a saúde (física e mental), e un longo etcétera. Pero os días pasan, e as nosas vidas continúan, ás veces coa sensación de que non somos máis que marionetas dunha realidade que, por moito que o intentemos, non podemos cambiar. E así, con esa impotencia, temos que tirar cara adiante imaxinando un futuro mellor, resucitando a esperanza na condición humana en cada momento.

Pois hai días nos que é case imposible ter esperanza, pero hai outros nos que de súpeto aparece un pequeno xesto anónimo, unha estampa de xenerosidade, que che fai lembrar que o cambio a gran escala se cadra estea nas mans de todos nós. Quizais se poida xerar a través de moitas e moi pequenas cousas que, entre todas, pouco a pouco, e á vez, poidan facer da nosa contorna un espazo máis humano. E entón, por un momento, unha sente que así, en pequeniño, si que pode aportar algo; pois hai emocións que son contaxiosas e que nos levan a actuar dun xeito determinado. E do mesmo xeito que os algoritmos das redes xa non nos dan opción a ser algo diferente ao que fomos onte, na vida real si que podemos achegarnos á idea de que o único xeito de salvarnos como sociedade comece con preguntarnos, de xeito individual, que podemos facer mellor, como podemos contaxiar o ben, ou como podemos ser mellores persoas…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.