Sobre los planes

La Voz de Galicia – 10 de febrero, 2023 →

Cristina PatoO libro estaba nun mostrador deses que poñen a carón das caixas nos grandes supermercados, deses que teñen desde caramelos da garganta, a bombóns de chocolate, revistas do corazón ou libros de autoaxuda. O caso é que, mentres esperaba a miña quenda para pagar, collín uns chocolates (que por suposto non precisaba) e botei unha ollada a un deses libros, cun título do máis (pouco) suxestivo: «In case you get hit by a bus», algo así coma «No caso de que te atropele un autobús». Escrito por Abby Scheniderman, Adam Seifer e Gene Newman, os fundadores de Everplans (unha plataforma dixital deseñada para crear un arquivo de todo o que poderían necesitar os teus seres queridos no peor dos casos), a verdade é que nos tres minutos que estiven alí esperando púxenme a mirar o índice e decateime de que na era dixital é aínda máis difícil preparar as cousas para cando unha pasa de estar viva a estar morta que na era analóxica. O teléfono, os bancos, os seguros, as redes sociais, as subscricións, as facturas… todo é dixital, todo vai con contrasinais que nin sequera eu lembro, e precisamente o libro comeza con iso, con como compartilas con seguridade cando xa non esteas. Entón, de súpeto, agonieime, e antes de pasar á segunda páxina pousei o libro no mostrador no que estaba, e intentei cambiar de tema na miña cabeza.

Ás veces pregúntome en que momento ten que comezar unha a pensar nesoutra etapa da viaxe vital. E outras veces, coma hoxe, son quen de mirar para outro lado, coller outro paquete de chocolates, pagar a miña compra, e seguir camiñando cara adiante sen poñerme no peor dos casos, pois a verdade é que non teño ningunha presa por marchar…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.