Soledad y futuro

La Voz de Galicia – 9 de Febreiro, 2018 →

Cristina PatoOurense está entre as trinta provincias máis avellentadas de Europa, e non podo deixar de pensar na imaxe da demoledora soidade que ocupará toda Galicia no futuro. Unha imaxe que xa vemos decotío en todas as paradas urbanas e rurais, nos parques, en todas as ringleiras do médico, nos hospitais…

A idea da ministra da soidade nomeada polo Goberno do Reino Unido está directamente relacionada co impacto da parlamentaria Jo Cox, asasinada no 2016.

De feito, a comisión da soidade, que leva o seu nome, é a que traballa directamente no consello desta nova posición gobernamental. Antes de morrer, Jo Cox tiña deseñado un plan para xuntar a todas as organizacións e individuos que xa estaban a «loitar contra a soidade» no país. A comisión e o ministerio son consecuencias directas do seu activismo.

E é que os problemas relacionados cos efectos da soidade no ser humano poden ser mortais. A lista que cita a web da comisión é un recordatorio da realidade na que vivimos. E se nos paramos a pensar na realidade que nos espera na nosa terra, visiblemente avellentada, quizais un ministerio da soidade (do mesmo xeito que o temos para a igualdade) non sexa tan mala idea para Galicia…

Imaxinar unha institución pública preocupada por paliar os efectos directos e indirectos da soidade: a exclusión, a dependencia, a pobreza; e, xa de paso, fomentar a empatía… Imaxinar unha situación na que unha organización tipo a Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN) sexa a encargada, como a Comisión Jo Cox, de dar consello a este ministerio para poder, entre todos, mellorar a nosa calidade de vida. Pois, como a mesma Cox dicía: «sexas novo ou vello, a soidade non discrimina».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.