Solidaridad

La Voz de Galicia – 20 de diciembre, 2019 →

Cristina PatoChegan estas datas nas que, sen querer, unha comeza a reflexionar sobre as cousas que fixo ou deixou de facer este ano, sobre as cousas que podería ter feito mellor, sobre o tempo que pasou facendo o que non quería facer, sobre o tempo que deixou de estar cos seus…

Semella que cos anos as cousas non se fan máis doadas. E non é unha cuestión de facer balance, senón de parar a escoitarse a unha mesma, en silencio, para así poder pensar e comprender como mellorar o camiño vital que decidimos emprender. Pero a escoita, a nós mesmos, aos outros ou á nosa contorna, é unha tarefa difícil que require práctica, tempo e vontade. Escoitar implica estar alerta para así tentar entender o que temos ao redor. Saber escoitar é un acto de valentía, unha acción radical de vida que, unha vez que comeza, non ten volta atrás. O caso é querer.

Hoxe é o Día Internacional da Solidariedade Humana. Segundo a ONU «a solidariedade é un dos valores fundamentais e universais no que deberían basearse as relacións entre os pobos do século XXI», e celebrando este Día Internacional pretenden «celebrar a nosa unidade na diversidade» e «sensibilizar ao público sobre a importancia da solidariedade».

Pero, que é a solidariedade? E como se practica? A Real Academia Galega defínea como «a axuda que, por un sentimento de obriga moral, se lle presta a quen o necesita». Quizais, saber escoitar é tamén un acto de solidariedade. Ser capaces de aceptar ao outro, de entender a súa realidade (e a túa con respecto á súa), para logo actuar (ou non), e tentar cambiar o mundo ofrecendo o noso ombro a aquel que está só, ou simplemente aceptando que, en realidade, somos uns privilexiados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.