Sugestión Colectiva

La Voz de Galicia – 1 de Decembro, 2017 →

Cristina PatoUn amplificador bluetooth, máis pequeno có meu teléfono, vai comigo a todas partes. Descargo podcasts (alguén sabe da palabra en galego para os programas de radio feitos para consumir pola rede?) e vounos escoitando segundo o día. Gústame o amplificador porque enche o cuarto no que me toque durmir hoxe: sóame a casa, faime recordar o día a día de miña nai na cociña coa radio posta e os momentos nos que calar era imperativo. Crecín escoitando as notas necrolóxicas na radio co vapor das potas no lume e o cheiro a cocido.

No podcast que usei para acompañar o meu almorzo solitario falaban con Claude Steele, un psicólogo social americano que investigou durante anos o impacto dos estereotipos no mundo académico. Steele falaba do concepto da «ameaza do estereotipo», e fíxome pensar en cantos estereotipos habitamos e practicamos a diario sen darnos de conta. Engrénanse de tal xeito no noso sistema que acabamos crendo que a muller é o sexo débil ou que é peor en matemáticas (este era un dos experimentos do señor Steele).

Apaguei a radio e saín da casa. Ía de camiño ao consulado dun país X para solicitar un visado, chamei ao meu marido antes de entrar e así, medio de pasada, lembroume que a última vez que fora a ese consulado rematara nun hospital. Rin e colguei, pero a verdade é que a suxestión fixo efecto, e aínda que non rematei enferma, durante as dúas horas que esperei a miña quenda o meu corpo comezou a queixarse por todas partes. E entón pensei, se a suxestión inconsciente pode facer isto co corpo dunha, que estaremos a facer coa nosa percepción dos demais? Á fin e ao cabo os estereotipos non deixan de ser un xeito de suxestión colectiva.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.