Tarde de verano

La Voz de Galicia – 6 de agosto, 2021 →

Cristina PatoSaímos pasear as catro: a Maruxa, a Yoly, Bimba (a cadeliña agarimosa que nos fai rir a todas) e mais eu. Non eran nin as seis da tarde, pero neste verán atípico, no que non vai moita calor en Ourense, unha pode saír camiñar a case calquera hora. Collemos polo carreiro abaixo para saudar á miña veciña, e Bimba, coma sempre, entrou até a cociña para ver se hoxe levaba algún premio. E levouno: a Dosia, cun sorriso na boca e unha salchicha na man, saíu leda a saudar, primeiro á Bimba e logo a nós. «Ides de paseo?», dixo ela. «Imos», respondín eu. E así, sen dicir moito máis, saímos de alí as cinco: Maruxa, Yoly, Dosia, Bimba e Cris.

Fomos pola sombra, pois aínda que non ía calor, o sol, cando aperta, aperta ben. E demos unha xenerosa volta á aldea, iso si, ao paso da miña nai, que é coma ir na procesión da virxe de Fátima. Polo camiño atopámonos con cinco veciños cos que nos fomos parando a parolar, e tamén con oito cans, entre eles ese can grande e simpático que sempre aparece por calquera esquina cando saio coa Bimba. E cando volvemos, contra as oito da tarde, xa estabamos todas listas para o seguinte capítulo do día: cada unha ao seu.

Á noitiña, na cociña, a Maruxa fritía uns pementos da miña veciña mentres a Yoly seguía enfrascada nesa novela que está a ler. E fóra, no xardín, o Xan pelexaba co sistema de rego que, por algunha razón, sempre perde por algún sitio; mentres eu, pasmando e mirando á nada, coa Bimba durmida aos meus pes, pensaba no afortunada que son por simplemente poder ter tido unha tarde tan fermosa. Pois co tempo unha aprende que a felicidade é precisamente iso: estar así, en paz, desfrutando dos teus nun día calquera de verán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.