Tiempos mejores

La Voz de Galicia – 9 de octubre, 2020 →

Cristina PatoÉ difícil imaxinar como estará a nosa cidade dentro dun ano: cantos dos pequenos comercios seguirán aí, cantos bares e restaurantes pecharán, cantas academias sobrevivirán, cantos autónomos tirarán a toalla, cantos estudantes, cantas librerías… Pregúntome cal será o impacto, a longo prazo, do capítulo que estamos a vivir, pois xa custa imaxinar unha realidade na que nos movamos sen medo a coller o virus, a non ter para chegar a fin de mes, a non saber que pasará mañá…

A pandemia puxo en evidencia moitas cousas, entre elas as abismais diferenzas sociais da nosa contorna e os conceptos do «benestar» e da «calidade de vida». Tamén nos ensinou a ver que o noso sistema non estaba tan ben coma nos dicían, e que, tristemente, pouco fixemos para cambialo. A sanidade, a educación, a cultura, a economía, en xeral todos os piares nos que se sostén a sociedade cambaléanse por dúas razóns: unha delas é un virus que aínda non podemos controlar, e a outra é unha clase política que semella vivir nunha realidade paralela á noción de que, nunha democracia, a soberanía pertence ao pobo.

Pero estes días, transcribindo as entrevistas que lle fixen á miña nai durante o confinamento, revivindo as súas experiencias da infancia, imaxinando a súa realidade no rural profundo do 1950, e entendendo as razóns (das que non se fala) con respecto a súa emigración, comecei a pensar na idea de que se elas puideron saír adiante tamén podemos nós. Porque, a pesar de tódalas desgrazas presentes, a pesar da impotencia que sentimos, a nosa realidade non é peor que a que viviron elas hai setenta anos. Elas souberon atopar a forza na esperanza dunha vida mellor… e nós?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.