Un mundo de matices

La Voz de Galicia – 11 de Agosto, 2017 →

Cristina PatoEstaba colgado da parede dun café no medio da nada; o azulexo dicía: «Felices son os que poden dar sen recordar e recibir sen esquecer», e un refrán tan sinxelo fíxome reflexionar sobre o concepto da felicidade, de se é unha sensación ou un xeito de aprender a entender a vida e aceptala. Coma di o noso himno, sempre haberá «bos e xenerosos» e «imbéciles e escuros», e aínda que se nos preguntan porémonos de seguro no grupo dos bos e xenerosos, a verdade é que ás veces, sen sabelo, tamén estamos no outro grupo. Todo depende da perspectiva.

Un dos fiscais dos xuízos de Núremberg, o nonaxenario Benjamin Ferencz, dicía hai uns meses nunha entrevista que «a guerra crea asasinos dos que noutra realidade serían xente decente. Todas as guerras e toda a xente decente». Escoitar ao home que foi testemuña e peza clave no axustizamento dos criminais nazis dicir que non podemos considerar a maldade como un feito illado, senón como unha resposta a un cúmulo de circunstancias, foi algo revelador. Pois non sempre unha é capaz de ser o suficientemente xenerosa para crear perspectiva. E se a resposta a un cúmulo de circunstancias non é medida e meditada, entón é cando o sistema falla e caemos ou na indolencia ou no caos dunha guerra.

Entre o branco e o negro, no mundo dixital hai 256 grises. E eu quero pensar que entre os bos e xenerosos e os imbéciles e escuros tamén hai unha escala infinita que temos que aprender a observar e analizar para entre todos evitar unha sociedade por completo polarizada que non nos leva a ningunha parte. Porque si, porque felices seriamos se puidésemos dar sen recordar e recibir sen esquecer…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.