Vértigo

La Voz de Galicia – 11 de marzo, 2022 →

Cristina PatoÉ imposible non sentir vertixe cando unha se para a pensar en todo o que está a pasar no mundo. É imposible non sentir rabia cando unha se decata de que desde aquí, desde o meu cómodo sofá, non podo facer nada máis que laiarme e asistir impasible á realidade dos múltiples conflitos que asoballan á humanidade. É imposible non pensar que creamos a ilusión de que a pandemia ía ter polo menos unha consecuencia positiva: facernos mellores cidadáns, mellores persoas. E aquí estamos de novo, no mesmo lugar que estabamos, vendo desde as nosas casas o sufrimento extremo dos que arriscan as súas vidas para refuxiarse da morte.

Quizais o peor de todo non sexa non saber nin que facer, senón sentir que todo iso está tan cerca de nós que xa non queremos nin velo. Xa aprendemos a mirar cara outro lado a propósito (como cando pola rúa vemos a alguén que sabemos que nos vai pedir esmola) e quizais iso sexa o máis preocupante.

A onde chegaremos con esta enésima onda de violencia? Cara onde nos levará este último conflito? E que diferenza hai cos conflitos que non vemos, ou que non queremos ver, ou que aprendemos a non ver? Hai medios que cuestionan a idea dunha terceira guerra mundial; hai outros medios que simplemente miran cara outro lado. E logo estamos os que non temos moita idea do que significa todo o que está a pasar, pero que sentimos o medo de saber que nin o poderemos controlar nin poderemos facer nada se todo isto escala cara un conflito global.

E entón comezo a matinar sobre cal é o noso papel na sociedade, sobre que podemos aportar para facer que o noso paso polo mundo non deixe só mesquindade… Esa é a miña pregunta, que podemos facer nós?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.