A lentitude

La Voz de Galicia – 4 de novembro, 2022 →

Cristina PatoNon sei en que momento tomei a decisión de deixar de ter présa. O que si sei é que, a pesar de querer facelo durante anos, semella que non tiven moita présa para deixala de lado… A inercia dunha vida que me ía levando a lugares e persoas que me aportaban tanto, e me facían aprender, compensaba a sensación de que vivir así de rápido xa non tiña sentido. E a idea da supervivencia económica sempre estaba por riba da supervivencia vital ou existencial. Ata que a miña mente dixo basta e paroume de súpeto, tan de súpeto que non souben nin o que estaba a pasar. E agora, mirando atrás, son consciente de que levo tres anos aprendendo a vivir sen présa, intentando estar no mundo dun xeito responsable e aprendendo de novo o que significa o verbo ser.

Estes días, mentres lía Frágiles. Cartas sobre la ansiedad y la esperanza en la nueva cultura, escrito pola investigadora do Instituto de Filosofía do CSIC Remedios Zafra, non puiden deixar de matinar coas súas reflexións sobre a chamada vida-traballo, a autoexplotación, a hiperprodutividade e a precariedade laboral. Pero sobre todo coa idea do que significa abrazar a lentitude, pois nestes tres anos, mentres me ía adaptando á vida que sentía que debía construír, tamén vía que o único xeito de saír da sombra na que me metera era indo amodo. Xa que calquera imposición de présa ou urxencia facíame volver á inestable situación na que non era capaz de durmir ou comer. E aínda que ata hai uns meses non coñecía o traballo de Zafra, a verdade é que sinto que as súas Cartas están escritas para min, para ese min anónimo que se sente representada nesas palabras de alento cara a unha vida lenta, unha vida real.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.