Acompañarse

La Voz de Galicia – 20 de novembro, 2020 →

Cristina PatoNon eran nin as oito da tarde cando a chamei por videoconferencia e vin que xa estaba en camisón e metida na cama. «Pero mamá, e logo que pasou para que xa esteas de retirada?», ao que ela me respondeu: «Non me daba pasado a tarde. Fíxoseme tan longa que vin para a cama para cambiar de aires».

A pandemia mudou a súa sinxela rutina e privouna das súas actividades vespertinas. E desde que volvín a Nova York, sempre a chamo contra ás súas seis da tarde, pois aproveito a diferenza horaria para xantar acompañada. A miña chamada tende a ser longa, pois podemos estar as dúas caladas durante varios minutos e, simplemente con iso, xa nos facemos compañía. E dalgún xeito, a miña chamada rompe o tedio das dúas, divide a súa tarde en dous e obrígame a xantar sempre a mesma hora. Pero hoxe atasqueime. A pesar de que o ceo estaba límpido e o sol brillaba con enerxía, eu non daba apartado esa nube gris que ás veces se instala nos meus pensamentos. Cando estou así prefiro non falar con ela até que se me pase, pois as emocións son ben contaxiosas. Así que non a chamei até as oito, e foi aí cando a vin na cama e cando dixo «fíxoseme tan longa a tarde…».

E entón puxémonos a falar de nada durante dúas horas, a pesar de que ningunha das dúas tiña nada que contar. Como ten unha tele na habitación, de vez en cando di «cala, cala», e despois dun silencio pregúntame algo relacionado co que acaba de escoitar: «Ti sabías que…?». E eu, sentada na miña mesa, aproveito para ir sacando o po á biblioteca que teño diante, e reorganizar os meus papeis, e mirar pola xanela mentres seguimos falando de nada. E así, estando soas xuntas, a nube gris marchou.

1 Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.