Activismo artístico

La Voz de Galicia – 16 de Febreiro, 2018 →

Cristina PatoEstabamos a falar do rol do artista na sociedade, da idea da arte como forma de activismo, e dos varios tipos de accións que utilizamos para facer que as nosas voces sexan escoitadas cando reaccionamos ao que acontece no noso micromundo. Ao redor dos cinco cafés estabamos un artista plástico sirio de orixe armenia, unha compositora e violinista americana de orixe chinesa, un neoiorquino, un hawaiano e mais eu. A charla era realmente unha reunión de traballo para organizar unha clase sobre as artes e o activismo, e a súa relación coa esperanza, ou coa ilusión de esperanza.

O artista sirio-armenio Kevork Mourad contábanos que na técnica que el desenvolveu, ilustrando visualmente o son e a música en tempo real, sempre tentaba contar historias completas, e que unha vez que a guerra ocupou o seu país, decidiuse a contar, a través da súa linguaxe, soamente o cincuenta por cento da dura historia da súa xente, para que a sociedade á que lle presenta a súa obra sexa capaz de desenvolver a capacidade de imaxinar o outro cincuenta por cento da historia, de xeito real ou poético…

O meu amigo xaponés Kojiro Umezaki, do Silkroad Project, sempre fala da idea de que as artes abren as portas da imaxinación do que é ou non é posible, e esa posibilidade é a que nos leva a ter esperanza. E eu quero quedar coa sensación de que cada un é libre de decidirse a ser ou non ser un activista coa súa arte, coa súa voz: ter talento é unha responsabilidade e aprender a utilizalo como tal implica tamén aceptar a idea do activismo, do silencio e do ARTivismo.

E é curioso pensar que ás veces, aínda hoxe en día, falar e escribir en galego segue a parecer unha forma de activismo…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.