Alfabetización

La Voz de Galicia – 7 de setembro, 2018 →

Cristina PatoCústalle preguntar, pero se ten que escribir nunha postal, miña nai sempre comproba coas súas fillas que non ten ningunha falta de ortografía: é unha cuestión de dignidade. Meu pai preguntaba directamente, e as dúbidas eran sempre ao redor do uso do «h», do «j» e do «g». Sempre me foi curiosa a súa relación coa educación: unha muller de familia de mulleres do rural profundo probablemente tivo unha educación completamente diferente á dun home de aldea de profesións itinerantes. A realidade é que nunca tiven moi claro canto tempo puideron asistir á escola, pois os dous viñan do rural e os dous emigraron de mozos, pero o desexo de querer saber, e de saber ben, foi algo que nos inculcaron con paixón dende nenas. Un desexo de supervivencia e de entender cales eran as ferramentas que poderiamos necesitar para sobrevivir.

Hai cincuenta e dous anos que a Unesco declarou o día de mañá, o oito de setembro, o Día Mundial da Alfabetización. Coa idea de lembrar ao público «a importancia da alfabetización como unha cuestión de dignidade e dereitos humanos», cada ano escollen un tema para guiar a conversa cara aos seus obxectivos. O tema do 2018 é «a alfabetización e o desenvolvemento de competencias», e eu quedei matinando nas competencias dos que, coma meus pais, naceron nos anos da fame. Os estudos do profesor da Universidade da Coruña Narciso de Gabriel, axudan a entender os factores que afectaron á alfabetización na nosa terra, pero se nos paramos a pensar na relación entre o nivel de alfabetización da Galicia de hoxe e o nivel do paro, entón nacen as preguntas sobre cales serían, hoxe en día, as competencias necesarias para a supervivencia…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.