Amabilidade

La Voz de Galicia – 25 de outubro, 2019 →

Cristina PatoPara variar, ía con présa. Fun á estación correndo, e cando vin que o metro estaba a chegar corrín aínda máis para non ter que esperar sete minutos polo seguinte. O home estaba alí, sentado, na cima das escaleiras, buscando algo coa mirada. Dereita, esquerda.

As rodas da súa cadeira estaban na marxe da escaleira, e as súas mans nas rodas. Quedei mirando para el (é incrible como, en menos dun segundo, unha pode pensar tantas cousas). Era un home maior, con lentes escuras, cunha cadeira de rodas que semellaba ter moitos quilómetros. E eu, nun segundo, decidín que, fose o que fose o que estaba a pasar alí, probablemente non podería axudar, así que pasei polo seu carón e baixei as escaleiras correndo. Igualmente perdín o tren.

O metro de Nova York é vello e angosto, e ten graves problemas de accesibilidade. En xeral, tódalas cidades do mundo teñen graves problemas de accesibilidade. Pero quizais o peor sexa que a meirande parte de nós non sexamos nin conscientes deles nin saibamos como achegar a nosa parte.

Mentres esperaba polo seguinte tren, volvín á escaleira. O home da cadeira estaba agora falando en castelán con outro home: «El elevador está estropeado, ¿cómo me voy para casa?», e o home simplemente lle dixo que non se movera, que ía buscar ao persoal do metro para axudalo. Entón veu o meu tren. E non vin o final da escena para a que non fun capaz de contribuír.

Coas présas, esquecín ser amable (e cantas veces ao día non serei nin consciente de non selo!). E ao chegar á casa lin, avergoñada, a litografía de Martin Kornfeld que teño pegada na porta: «Se todos facemos un acto de amabilidade ao día, se cadra poderiamos encamiñar o mundo na dirección correcta».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.