Arredor dun libro

La Voz de Galicia – 2 de setembro, 2022 →

Cristina PatoEra a primeira visita que facía a un club de lectura, e confeso que me fixo reflexionar sobre o que significa reunir a un grupo de xente diversa arredor dun libro. Cando volvín de visitar o grupo de lectura no que participa a miña irmá Yoly en Trives, volvín pensando no feito de que na miña vida profesional como música non coñecera ningún club de escoita… Supoño que os concertos en directo cobren esa parte da experiencia colectiva: vas a un concerto, escoitas, sentes, e logo, se cadra, falas ou non da música que acabas de escoitar. Pero quizais non se crea un vínculo tan curioso coa obra e co grupo de persoas que veñen de escoitala coma coido que se crea nun club de lectura que se reúne semanalmente. O que teñen en común neste pequeno club é que todas senten paixón pola lectura, e neste lugar de Ourense, no que a poboación muda no verán para recibir a todos aqueles que marcharon ou que teñen raíces alí, o club serve tamén de vínculo entre os que residen alí todo o ano e os que pasan tempadas. Un fermoso vínculo interxeracional, pero tamén intercultural, entre varias realidades paralelas que se atopan a si mesmas lendo un libro que escolleron entre todas.

Este club particular é un club de verán que, liderado por Rosa, naceu precisamente dese desexo de recoñecerse a través da literatura. E coa sesión desta semana pechaban a súa tempada até o próximo ano. E grazas a elas reflexionei un pouco máis sobre a función social das artes e a literatura, e sobre aquelas persoas que, por amor á súa veciñanza, deciden inspirar a un grupiño de xente diversa a ler un libro para así atopar o tempo para coidar do máis importante das nosas vidas: a comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.