As súas historias

La Voz de Galicia – 28 de maio, 2021 →

Cristina PatoCoido que moitos de nós non podemos imaxinar as súas realidades, nin as razóns polas que arriscan as súas vidas para chegar a un país no que a esperanza de saír adiante non é especialmente alentadora. Hoxe é Ceuta, onte foi Arguineguín, pero esas imaxes, as dos que loitan por atopar un lugar no que se respecten os seus dereitos humanos fundamentais, son imaxes universais. Son historias que se repiten arredor do mundo, que tenden a ser contadas desde unha perspectiva única (as dos que escapan, as dos que chegan), sen que moitas veces poidamos (ou queiramos) ver o sufrimento que hai detrás desas mesmas historias.

E arredor do mundo tamén se repite o feito de que estas historias acaban convertidas en ferramentas políticas, e que nas mans deles, os políticos, acaban aportando máis dor e máis división a unha realidade que nunca nos foi allea. Pois non podemos esquecer que hai oitenta anos os protagonistas desas fotos (as dos que escapaban na busca dos seus dereitos fundamentais) eran españois, e que na súa chegada a un país veciño coma Francia atopáronse cunha realidade tanto ou máis complexa cá realidade da que se refuxiaban.

Está claro que a situación actual non é sostible, e que a solución non recae nun lado concreto, pero tamén está claro que pouco sabemos dos seres humanos protagonistas deste capítulo da nosa historia, pouco sabemos da realidade e dos problemas que os empuxan a arriscarse así. E aínda que nós non poidamos solucionar a desesperada situación que se está a vivir en moitas fronteiras do mundo, quizais poidamos aportar algo simplemente escoitando as razóns que os levan a apostar por un futuro incerto co valor das súas vidas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.