Boa noite

La Voz de Galicia – 24 de decembro, 2021 →

Cristina PatoPregúntome canta xente haberá que pase esta Noiteboa soa… Hainos que prefiren estar sós por motivos persoais, pois non todo o mundo asocia estas datas coa alegría ou a celebración. Tamén haberá aqueles que, a pesar de non querer a soidade, estean illados polo covid e non poidan pasar a noite cos seus. E outros que, desprazados por obrigación do que foi a súa vida pasada, quizais estean retidos ou refuxiados nalgunha fronteira ou campamento, e, aínda que estean acompañados, se sintan máis sós ca nunca, pois a soidade non sempre é unha cuestión de compañía.

A miña nai fala moitas veces da soidade, e da diferenza que hai entre a soidade desexada e a non desexada. Tamén fala da diferenza que hai entre estar soa e sentirse soa, e quizais hoxe o que me pregunto é canta xente estará a sentirse soa nunha noite na que constantemente nos amosan a imaxe de que estar xuntos, cos teus, é o que nos dá a felicidade.

Pero a alegría está onde poidamos atopala, pois non sempre queremos ou temos acceso ao tipo de felicidade que nos venden. Mais quizais poidamos achar e gardar momentos nos que nos sintamos simplemente ben, aínda que sexa por un instante, para construír con eles a nosa idea dunha noite boa, esteamos como esteamos: sós ou acompañados. Ás veces penso que se somos capaces de coleccionar eses pequenos momentos, quizais tamén sexamos capaces de acender esa pequena luz que nos pode sacar da invisible escuridade que todos levamos dentro. Esa luz que nos axuda a volver a marabillarnos coas cousas miúdas, coas cousas que nos fan sentir ben; esa luz que nos lembra que, a pesar de todo, non estamos sós… Boa noite, Noiteboa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.