Día da marmota

La Voz de Galicia – 2 de Febreiro, 2018 →

Cristina PatoHoxe é o día da marmota, no senso literal e tamén no figurado. Ás veces parece que a nosa sociedade está atrapada no tempo, coma naquela película dos 90 protagonizada por Bill Murray. Cometemos os mesmos erros unha e outra vez, esquecemos aprender deles e, de súpeto, entramos no bucle no que todo o que pasa xa o viamos vir, pero parece que non podemos facer nada para cambialo.

E si, o dous de febreiro é realmente ese día no que se celebra a festa de predicir canto queda de inverno preguntándolle a unha marmota (realmente é á sombra da marmota). Vixente tanto nos EUA como en Canadá, esta tradición data do século XIX e probablemente a súa xénese veña dos inmigrantes protestantes alemáns que se instalaron en América do Norte. Pero este costume ten tamén a súa orixe na celebración católica do día das Candeas ou da Candeloria, e esta, en certo modo, vén á súa vez da asimilación romana do Imbolc, unha das principais celebracións celtas arredor do punto intermedio entre o inverno e a primavera.

A cita do filósofo George Santayana -«aqueles que non lembran o pasado están condenados a repetilo»- ben podería definir o momento histórico no que nos atopamos aos dous lados do Atlántico. Nun día da marmota constante, no que cada vez que a sociedade dá un paso cara a adiante, hai algo que nos fai dar dous pasos cara a atrás: en política, en educación, en inmigración, en igualdade, en dereitos…

Coma na película, a historia repítese: de xeito individual podemos revisar os nosos erros para poder mellorar a nosa existencia, pero como sociedade esa revisión é un deber, pois a súa ausencia é o que nos leva a repetir os problemas que desvelan ao mundo a diario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.