Discapacidade e representación

La Voz de Galicia – 3 de decembro, 2021 →

Cristina PatoA verdade é que, até que coincidimos naquel congreso, hai xa seis anos, nunca me parara a reflexionar sobre aquilo. Maysoon Zayid falaba da importancia da representación das persoas con discapacidade nos medios de comunicación, especialmente na televisión e no cine (Hollywood), e compartía a súa experiencia como actriz e cómica dun xeito tan contundente coma revelador.

Despois de coñecela, e de aprender da súa historia de vida, comecei a cuestionar a cantidade de cousas que antes non era capaz nin de ver. Pois, como ela mesma contaba na súa viral conferencia TED, cando estudaba interpretación teatral na universidade, nin sequera chegaron a invitala a formar parte do reparto dunha obra teatral na que o papel protagonista era unha muller con parálise cerebral, e remataron dándollo a outra actriz sen discapacidade… Maysoon Zayid, é unha activista, actriz e cómica con parálise cerebral, que fala da idea de que as persoas discapacitadas son «a minoría máis grande do mundo e a menos representada na industria do entretemento», e que loita precisamente por «crear imaxes máis positivas da discapacidade nos medios e na vida cotiá».

E eu, hoxe, polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade, volvín ver a súa charla TED, e tamén unha chea de vídeos de outras grandes cómicas con diferentes capacidades. E de súpeto, pensei no dereito a ser o que ti queiras ser, no dereito a liderar o teu camiño, no dereito a soñar con facer o imposible, no dereito á normalidade… E visualicei de novo todos eses dereitos que, consciente ou inconscientemente, tendemos a negarlle a aqueles que nos parecen diferentes, como o dereito á representación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.