Educación dixital

La Voz de Galicia – 9 de decembro, 2022 →

Cristina Patooutro día escoitaba na radio a Drew Faust, profesora de historia da Universidade de Harvard, sobre o feito de que, nos EUA, a xeración Z (os nados a finais dos noventa) xa non aprendeu a escribir ou a ler en letra cursiva (á man coas letras ligadas). E sobre o que iso significa na súa relación cos seus devanceiros, pois segundo Faust, esa carencia «priva á sociedade de acceder directamente ao seu pasado», coa necesidade dun «tradutor». Unha reflexión que me fixo matinar sobre o que me comenta acotío a miña irmá Raquel, profesora de instituto e nai de Quela, unha nena de dez anos: o complexo que lles resulta adaptarse ao programa de educación dixital que implanta o libro dixital nas aulas. E sobre o que supuxo para Quela (a que escribía historietas á man) pasar de súpeto do papel á pantalla; e para Raquel, orientar á súa filla a diario para poder traballar cunha ferramenta que aínda non aprenderon a usar. Quela pasou dos lapis de cores e as contas á man ao procesador de texto; dos libros de texto ao vasto e perigoso océano dos buscadores para conseguir información na rede, sen filtros…

Pregúntolle que supón esta transición, e a miña irmá di que o problema é que non hai transición, que na súa experiencia son os pais os que cobren ese baleiro como poden. Pois, a diferenza dos cativos, non todos os pais son nativos dixitais, e non todos teñen o luxo do tempo (ou da rede) para poder velar o que fan os seus fillos nas horas que pasan diante da pantalla facendo deberes na casa… E eu pregúntome cales serán as consecuencias para os cativos de navegar sen rumbo na era da posverdade, de aprender a aprender na vida dixital, e non na outra, na real…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.