Emigrantes de nós

La Voz de Galicia – 20 de agosto, 2021 →

Cristina PatoÁs veces pregúntome cara onde imos con respecto ao xeito que temos de relacionarnos cos demais. Se WhatsApp, Facebook, Instagram, Twitter (e as outras aplicacións que non sei nin nomear) xa moldearan a forma que tiñamos de manter a comunicación co outro, coa chegada da pandemia esa comunicación virtual converteuse nunha constante, e eses pequenos grandes círculos concéntricos da Rede remataron sendo a nosa vida social. Unha vida social tan real coma irreal, porque ao final do día estás con quen podes estar, con quen cho permiten as circunstancias. E como hoxe temos a opción de abstraernos por completo desa presenza real, para mergullarnos nesoutra realidade paralela que non sempre é real, dáme a sensación de que, pouco a pouco, perdemos a capacidade de estar presentes, en corpo e alma, nun lugar concreto.

Quizais convertémonos en emigrantes de nós mesmos, pois podemos escoller en cal das dúas realidades queremos contribuír agora: na do mundo real e anónimo, ou na do mundo virtual e público. E quizais, co paso do tempo, pasaranos o que lles pasa a moitos emigrantes: que haberá un momento no que nos decatemos de que xa non hai volta atrás, de que somos oficialmente habitantes do medio. Pois vivimos entre dúas realidades, e o equilibrio entre estar aquí e alá faise cada vez máis difícil.

Nunca imaxinei que a vida social virtual acabaría sendo tan poderosa. Nin no complexo que resultaría intentar obviala, pois desde os negocios até a opinión pública dependen dela. Pero coido que xa é tarde para escoller se marchamos ou quedamos nese país virtual, pois os reis dos algoritmos xa decidiron por nós: convertémonos en emigrantes da nosa propia realidade…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.