Equinoccio

La Voz de Galicia – 22 de septembro, 2023 →

Cristina PatoO outono astronómico entra en Galicia mañá, ás oito e corenta e nove da mañá. Para min sempre hai algo único nos cambios de estación, algo que nos lembra o pequenos que somos, algo que nos lembra que o ritmo da vida, da natureza, está por enriba de nós. Comeza esa época na que algúns retirámonos antes para as nosas casas, na que nos metemos nese mundo interior, literalmente, para, dalgún xeito, empezar a hibernar, metaforicamente. E a verdade é que hai días nos que unha se pregunta que pasaría se hibernásemos durante meses ou anos, e espertásemos directamente na primavera, ou nun outono futuro.

Aínda que quizais xa hibernamos cando nos refuxiamos no noso pequeno recuncho, evadíndonos das cousas que pasan arredor de nós e que ás veces preferimos non ver, non saber, non sentir, pois son tan dolorosas que chegan a paralizarnos se afondamos nelas. Quizais xa hibernamos como sociedade cando o único que sentimos contra as inxustizas é impotencia. Quizais xa hibernamos para non ter que pensar.

Comeza esa época do ano na que, para algúns, a tristura aparece con máis frecuencia, e semella máis difícil desfrutar das pequenas vitorias do cotián. Seica ten un nome: trastorno afectivo estacional. E agora que os días e as noites terán a mesma duración, que as follas das árbores irán cambiando de cor, tentarei desfrutar tamén deste ciclo, evitando hibernar a miña cabeza, parándome a celebrar os pequenos momentos de xenerosidade, de escoita, de atención, para así non esquecer que para mellorar a nosa existencia, para mellorar como sociedade e non caer na hibernación colectiva (na indolencia) todos temos que pór algo da nosa parte, por moi difícil que resulte ás veces.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.