In sécula seculórum

La Voz de Galicia – 1 de abril, 2022 →

Cristina PatoNon pensaba escribir sobre o tema, pero como as miñas lecturas desta semana ían sobre intención e impacto, ocorréuseme que quizais o de Will Smith e Chris Rock na cerimonia dos Óscar me axudaría a entender algo tan complexo como o que acontece nesta etapa das nosas vidas dixitais: calquera cousa que un diga pode ser considerada como unha ofensa, e, aínda que un non teña a intención de ofender, o impacto da ofensa percibida é máis grave que a falta de intención.

No libro de Jonathan Haidt e Greg Lukianoff The Coddling of the American Mind (editado en español como La transformación de la mente moderna), os autores fan unha mestura de reflexión e investigación sobre, entre outras cousas, o impacto da corrección política no ámbito universitario norteamericano, e sobre a dinámica entre intención e impacto. Por outra banda, o libro de Darío Villanueva Morderse la lengua é tamén un rigoroso ensaio arredor da «Corrección política y posverdad» (o seu subtítulo). E a lectura simultánea dos dous axudoume a ter unha visión máis completa (e complexa) sobre o camiño que estamos a tomar tanto no eido educativo coma no noso xeito de relacionarnos, verbalmente, os uns cos outros.

Segundo The New York Times, a audiencia dos Óscar subiu en medio millón nos momentos posteriores á labazada de Smith a Rock, algo que sen dúbida di moito de nós como espectadores, sobre o que queremos ver e por que o queremos ver. E aínda que as opinións con respecto a esa escena son incriblemente diversas, a verdade é que para min conectaron coas miñas lecturas desta semana, pois se consideramos que a palabra é violencia, e entendemos que por iso pode ser respondida con violencia, entón seguiremos como estamos, in sécula seculórum.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.