Lonxevidade

La Voz de Galicia – 24 de febreiro, 2023 →

Cristina PatoEra un artigo do The Wall Street Journal que falaba da idea de que os millennials teñen que estar preparados para unha carreira profesional de sesenta anos (en vez dos corenta da xeración anterior), pois suponse que vivirán unha vida máis lonxeva e con máis saúde. E eu pensaba: son millennial, teño corenta e dous anos, levo traballando desde os dezaoito, e aínda me quedan outros trinta e seis de carreira profesional? Pois a verdade é que non sei se teño tantos capítulos deseñados na miña cartografía persoal…

Entón comecei a reflexionar no que significa unha carreira de sesenta anos, xa que hai moitos xeitos de estar na vida, e moitas condicións que non dependen dunha. Por unha banda está o privilexio: hai persoas que saben que teñen un traballo para o resto da súa vida, unha carreira única e estable. Tamén hai persoas que se poden permitir tomar a decisión de cambiar de rumbo na metade das súas vidas, incluso coller un tempo para pensar que é o que queren e poden facer na súa seguinte etapa. E hai persoas que non se poden permitir tomar a decisión do que queren ser e se teñen que centrar no que poden facer para sobrevivir. E a verdade é que hoxe en día é posible que alguén pase por estas dúas fases nalgún momento da súa vida, ao igual que é posible que non poida ter nunca a oportunidade de escoller. Todo depende das circunstancias de cada un, e por desgraza non sempre podemos controlalas.

Sesenta anos de carreira poden ser tamén sesenta anos de incertezas, e mirando ao futuro unha non deixa de preguntarse se estará o sistema preparado para iso. Sabemos que, se temos sorte, chegaremos a ser moi vellos, pero en que condicións o seremos?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.