Mulleres exemplares

La Voz de Galicia – 15 de marzo, 2019 →

Cristina PatoMulleres exemplares e heroínas hainas en tódalas partes da nosa historia. Hai algún tempo que Rocío Castro me abrira as portas a ler sobre o fascinante caso do naufraxio do Santa Isabel na illa de Sálvora, aló polo ano 1921, e das catro mulleres que fixeron historia cunha dorna e apoio en terra. Elas eran Cipriana Oujo, Josefa Parada, María Fernández e Cipriana Crujeiras. As tres primeiras rescataron arredor dunha ducia de náufragos coa súa dorna, e a última fixo de apoio en terra.

O libro de Xosé María Fernández Pazos Sálvora: Memoria dun naufraxio documenta a historia non só do naufraxio, senón tamén da realidade da zona naquela época.

Seguindo a miña teima persoal sobre a representación e a visibilización das realidades invisibles, a historia chamoume a atención, pois no seu día esas catro mulleres foron referidas como as Heroínas de Sálvora, e un dos artigos actualizados que lera sobre o tema era con referencia a un dos aniversarios do naufraxio. E foi precisamente con ese artigo co que me decatei do moito que mudou o meu xeito de ler as novas que falan da capacidade das mulleres, sobre todo cando estas capacidades están descritas por homes.

Quedei matinando no tema das supermulleres, sobre o que escribira hai un par de semanas, e de novo comecei a preguntarme que é o que fai que os heroes pasen á historia e que as heroínas queden atrás. Cantas heroínas invisibles hai na historia da nosa terra?

Neste marzo feminino e feminista, reflexionemos sobre o nesgo masculino da nosa historia e apoiemos os intentos de revisar tódalas nosas historias para así poder ter unha visión máis plural e realista da nosa identidade cultural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.