O 12 de outubro

La Voz de Galicia – 12 de outubro, 2018 →

Cristina PatoO 12 de outubro é un deses días que, segundo a perspectiva histórica coa que se mire, recibe un nome diferente dependendo do país no que unha ande. Incluso dentro dun mesmo país, como os EUA, a celebración muda de nome entre os estados.

A principios dos noventa, algúns estados dos EUA decidiron celebralo como o Día dos Pobos Indíxenas, en oposición ao tradicional Columbus Day, que é o nome habitual para conmemorar a chegada de Cristovo Colón ás Américas, celebrando así os pobos indíxenas que sobreviviron (e sobre todo os que desapareceron) coa chegada do conquistador. Dende o Día do Respecto á Diversidade Cultural da Arxentina até o Día do Encontro dos dous mundos de Chile, pasando polo Día da Descolonización de Bolivia ou o Día da Resistencia Indíxena, negra e popular de Nicaragua, hai unha infinidade de procesos culturais e de identidade que levan a cada unha das nacións a decidir qué parte da historia é a que queren celebrar.

Coidar da memoria cultural e da memoria histórica non é un proceso sinxelo para ningún pobo, pero é fundamentalmente necesario para o benestar da sociedade. Falar do que nos doe para poder entender e integrar no discurso da memoria as múltiples realidades que conforman as nacións, as múltiples realidades que conforman un pobo. Pois hai realidades múltiples e tamén múltiples verdades para afrontar as mesmas realidades. Aprender a nomear un día coma hoxe segundo o lugar do mundo no que me atope axúdame a ver que en cuestión de memoria, histórica e cultural, aínda nos quedan milleiros de verdades por descubrir e realidades por explorar para así poder avanzar, como sociedade, cara a un mundo máis xusto e máis humano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.