Pagar un recibo

La Voz de Galicia – 25 de xuño, 2021 →

Cristina PatoCollín a carta de pagamento e vin que tiña que pagar a taxa en persoa, que non había xeito de facelo nin polo caixeiro nin por transferencia, pois o documento oficial precisaba do selo do banco. Entrei na oficina bancaria durante ese momento do día no que aínda permiten a humanos interactuar con outros humanos, e fun coller número a unha maquiniña que me informou de que tiña sete persoas diante.

Sentei e que quedei pasmando: mirando a xente que esperaba, mirando a pantalla que anunciaba as quendas, mirando a única persoa que estaba atendendo ao público… Logo de quince minutos decateime de que os números da pantalla non cambiaran, a pesar de que xa pasara algunha xente polo mostrador. A señora que estaba ao meu lado preguntoume se ía antes ou despois ca ela. «Vai vostede primeiro», respondinlle. Pero dez minutos despois, durante os que a pantalla non cambiou pero outra xente pasou, respondín sen ser preguntada: «Serán dos que colleron a opción de que te avisan ao móbil para non esperar na oficina». E alí seguimos, mirando para a pantalla, esperando a nosa quenda.

Pasados corenta minutos, fun preguntar se non había alguén máis para atender aos que estabamos esperando a que saíra o noso número. E o home, sen sequera mirarnos, respondeu: «A pantalla non vai, pasen cando vexan o mostrador libre».

Finalmente cheguei ao mostrador, e cando entreguei a carta o home informoume de que eses recibos oficiais estaban a darlle problemas, pero que podía pagalo no banco do lado. Así que saín do banco X para ir ao banco Z, no que me dixeron que tiña que volver mañá, pois xa pasara a hora na que os humanos xestionan os recibos doutros humanos… Terá que ser así (?).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.