Párkinson aos 38 anos

La Voz de Galicia – 14 de abril, 2023 →

Cristina PatoCando a unha amiga dunha amiga (que polo camiño se converteu na miña amiga) lle chegou o diagnóstico de párkinson de inicio temperán, e ela mesma comezou a contar a súa experiencia, decateime de que realmente non sabía absolutamente nada da enfermidade, e moito menos da enfermidade en mulleres novas. O párkinson é un trastorno dexenerativo que afecta ao sistema nervioso, e que non ten unha causa clara.

Máis de dez millóns de persoas viven con párkinson arredor do mundo, e segundo a Parkinson’s Foundation, un 4 % dos afectados son diagnosticados antes dos cincuenta anos: é o que se chama párkinson de inicio temperán, que aparece entre os 21 e 45 anos de idade.

Sabela Avión, a tradutora de Vigo e funcionaria da ONU en Nova York, foi diagnosticada no ano 2016, cando ela tiña 38 anos. E desde ese momento, e a través das redes e da súa incandescente enerxía, axúdanos a aprender e a reflexionar sobre a enfermidade acotío. No ano 2021, pola iniciativa de Paqui Ruiz, naceu a asociación «Con P de párkinson», da que Sabela é vicepresidenta, e que se define coma «un movemento de mulleres novas con enfermidade de párkinson, unidas para compartir as nosas experiencias e para ser escoitadas». Unha asociación que pretende, entre outras cousas, «promover o enfoque de xénero nas investigacións científicas», «recoller testemuños inspiradores» e «compartir solucións e recursos». Sen dúbida «Con P de párkinson» é un exemplo vivo do poder da colaboración para «facer visible o invisible», é unha forma diferente de entender o activismo, pero tamén é un importante recordatorio sobre o que significa coñecer a realidade doutras persoas desde a empatía e a humanidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.