Roturas

La Voz de Galicia – 21 de outubro, 2022 →

Cristina PatoQuería ver algo que fose amable, entretido e sen violencia; que non me fixese pensar moito, pero que tampouco me dese a sensación de que estaba a perder o tempo. E por algunha razón cheguei á versión para televisión de A volta ao mundo en oitenta días, dunha coprodución europea baseada na obra homónima de Julio Verne, con algunha que outra licenza (máis ben moitas). O caso é que nesta versión, a viaxe vital dos personaxes levoume a reflexionar sobre o que significa aprender da vida, aprender a rectificar; pero tamén á idea de que, queiramos ou non, todos estamos un pouco rotos por algún lado. Todos temos unha greta, unha cicatriz, algo que cargamos como unha lousa, algo do que nos arrepentimos… E, ás veces, esa rotura pode facernos máis fortes, ou máis sensibles, pero tamén pode acabar connosco, pois todo depende de como nos pille no momento no que se apodera de nós, de se necesitamos ou non un posible remendo, e de se temos acceso a el.

Curiosamente estes días o Xan levoume a ver unha retrospectiva da fotógrafa neoiorquina Diane Arbus, unha pioneira na idea de celebrar a beleza da diversidade e convertela en arte, e unha pioneira na normalización de realidades complexas e moitas veces invisibles. Pero tamén unha artista moi criticada no seu momento, quizais porque non se entendeu, ou non se aceptou ben o seu achegamento tan íntimo a realidades que non eran a súa. A súa obra, que me emociona profundamente, sempre me fixo pensar na importancia do punto de vista na arte, pois cando unha artista interpreta o mundo desde as súas propias fendas, ás veces fai que reflictamos as nosas roturas nas súas, e dalgún xeito axúdanos a vivir con elas…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.