Biografía

Música, escritora, educadora e produtora, Cristina Pato foi aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” por The New York Times. Na actualidade, a súa vida profesional está centrada na exploración do rol das artes na sociedade a través da docencia e da produción.

Traballou como artista en residencia na Universidade de Nova York (NYU), na Universidade de Harvard e na Universidade de California, Santa Barbara. Ademais de colaborar durante quince anos co Silkroad Project, a organización fundada polo violonchelista Yo-Yo Ma

Desde o ano 2017 escribe a columna semanal “A arte da inquedanza” para o xornal La Voz de Galicia, pola que recibiu o XVII Premio Afundación de Periodismo Fernández del Riego.

Durante a súa carreira profesional como música, Cristina Pato publicou seis discos como gaiteira solista e dous como pianista. Ademais de colaborar en varias gravacións como artista invitada, incluíndo os álbums gañadores dun Grammy Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace (SONY BMG, 2008) e Sing me Home: Yo-Yo Ma & Silk Road Ensemble (SONY Masterworks, 2016), o álbum de jazz (tributo a Miles Davis) Miles Español: New Sketches of Spain (Entertainment One Music, 2011), e o documental The Music of Strangers: Yo-Yo Ma & The Silk Road Ensemble  (HBO, 2015), do director Morgan Neville. 

Desde o ano 1999 os seus intereses musicais e culturais levárona a colaborar con artistas do mundo da World Music, do jazz, da música clásica, da música experimental e da danza, incluíndo o seu mentor Yo-Yo Ma, a Chicago Symphony e a New York Philharmonic, Osvaldo Golijov, Arturo O’Farrill, e os bailaríns Damian Woetzel e Lil’ Buck. O seu poderoso estilo, único e inconfundible, foi aclamado en varias ocasións por The New York Times e admirado por The Wall Street Journal ou Downbeat Magazine

Na súa prolífica carreira como intérprete liderou o Cristina Pato Quartet (EUA), o Trío Galego (Europa), o dúo SOAS (con Rosa Cedrón) e o proxecto Invisible(s) (con Mazz Swift). Ademais de encargar unha ducia de obras para gaita galega e diferentes formacións, incluíndo o concerto para gaita e orquestra “Viúvas de vivos e mortos” do compositor Octavio Vázquez, gravado pola Real Filharmonía de Galicia en 2018 (Odradek Records, 2021). 

Cristina colabora co Silkroad Project, a organización fundada polo violonchelista Yo-Yo Ma, desde o ano 2006. Co Silkroad Ensemble (2006-2020) participou en xiras pola China, Corea, Australia, Emiratos Árabes, Nova Zelandia, Europa e Os Estados Unidos, actuando en escenarios tan icónicos coma o Carnegie Hall, o Hollywood Bowl ou o Gran Teatro Nacional da China. Con Silkroad traballou tamén como Asesora de Educación (2014-2019) colaborando na planificación de residencias e actividades educativas, entre elas a cooperación multianual coa Universidade de Harvard, participando ademais coma profesora no The Arts and Passion-Driven Learning Summer Institute para artistas e educadores, deseñado en colaboración coa Escola de Educación de Harvard.

Na súa carreira coma educadora, Cristina desenvolveu o seu propio camiño para utilizar as artes como ponte de colaboración entre as humanidades e as ciencias en institucións académicas. Desde o ano 2012 colabora con diferentes universidades desenvolvendo proxectos de cooperación entre departamentos e disciplinas. En 2016 comezou unha colaboración continuada coa Universidade de California, Santa Barbara como a Arnhold Distinguished Artist in Residence coa súa clase: “Memory: An Interdisciplinary Exploration” cocreada e coimpartida por Cristina Pato e os profesores Kenneth S. Kosik (neurociencia), Kim Yasuda (arte espacial) e Mary Hancock (antropoloxía). En 2017 foi nomeada Blodgett Distinguished Artist in Residence na Universidade de Harvard (colaborando con Kay Shelemay e Michael Uy no Departamento de Música) e no curso 2019-2020 ocupou a Cátedra de Cultura e Civilización Española no King Juan Carlos Center da Universidade de Nova York (NYU). No ano 2021 colaborou coa profesora Lisa Wong na iniciativa interdisciplinaria da Universidade de Harvard: Mind Brain Behavior cocreando e coimpartindo a clase “Creativity at the Edge: Health, Music and Community”. 

Como escritora e columnista, no ano 2015 comezou a súa andaina cunha columna quincenal no xornal El Correo Gallego, e desde o 2017 escribe unha popular columna semanal para a contraportada do periódico La Voz de Galicia titulada “A arte da inquedanza” pola que gañou o XVII Premio Afundación de Periodismo Fernández del Riego. No ano 2022 publica a súa primeira novela No día do seu enterro, con Editorial Galaxia (Colección Literaria, 2022).

Como produtora independente,  Cristina está especializada en eventos e proxectos centrados na intersección entre arte e sociedade, incluíndo a iniciativa ESENCIAIS 20/50 (en colaboración con Xaime Fandiño e CUNDE), o Festival Galician Connection e dous días de cultura en acción para o proxecto global The Bach Project de Yo-Yo Ma. 

Durante a súa carreira recibiu numerosos premios, entre eles o Premio Artista Comprometido outorgado pola Fundación Daniel e Nina Carasso, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba e o Premio da Cultura de Galicia. Tamén forma parte de varios consellos asesores incluíndo o comité de artistas de Americans for the Arts e o Consello da Cultura de Galicia. 

Cristina divide o seu tempo entre Nova York e Galicia e comparte a súa vida co fotógrafo Xan Padrón