Discurso Medallas Castelao, Xuño 2017

É sen dúbida unha honra recibir esta medalla. Por todo o que significa, porque vén da miña terra e sobre todo porque leva o nome de Castelao.

Como músico e como migrante, son sempre consciente do que significa vivir no limbo, no medio de dúas realidades, de dúas culturas, do que significa intentar estar presente nas dúas e de contribuír nas dúas. A sensación de non estar nunca onde unha quere estar, a sensación de non estar nunca onde unha ten que estar, un limbo de emocións puras que fan que unha estea sempre en movemento buscando o seu camiño.

As verbas de Castelao definen moitas de estas emocións, no seu Sempre en Galiza escribía:
“Na vontade de certos emigrantes hai motores máis fortes que a pobreza, como na vontade dos homes sedentarios hai sentimentos que matan a fame. Os emigrantes galegos son empurrados por causas imponderables, que ninguén soubo desentrañar; pero que todos intuímos vagamente.”

Cada un crea o seu camiño como pode, a pañoleta que levo posta, adornada pola miña nai para sabe deus que romaría, faime pensar no esforzo que supuxo para ela e o meu pai darlle ás súas catro fillas a mellor das educacións, faime pensar nas penas e alegrías da súa emigración a Venezuela, faime pensar nas razóns polas que voltaron…

Porque como ben dicía Castelao: “Hai unha forza que nos empurra cara ao mundo e outra que nos xungue á terra nativa, pois se os camiños nos tentan a camiñar é porque deixamos unha luz acesa sobor da casa en que fomos nados, e alí nos agarda o Ein da vida. Andar, andar, andar, e no remate do traballos devolverlle á Terra o corpo que ela nos emprestou.”

E voltando a esa sensación da que falaba ao comezo, hoxe eu non quero esperar ao remate, ao fin da vida, eu quero ser capaz de asumir a responsabilidade que me deu unha vida repleta de viaxes e experiencias cun fol debaixo do meu brazo. Eu quero poder espertar nunha Galicia na que os emigrantes do pasado, os nosos maiores, teñan unha vida digna, unha vida chea de saúde e de respecto por ter sido capaces de manter viva a nosa língua e a nosa cultura dentro e fora da nosa Galicia. Unha vellez na que sintan o incríble agradecemento que todos os que estamos hoxe, aquí sentados, temos que dar, a diario e con paixón. Esa xeración, a que espera con ansia os venres para ver o Luar, que non é consciente do esforzo que fixeron para que nós hoxe poidamos falar libremente na nosa lingua e celebrar os nosos costumes. Esa xeración que teceu a nosa realidade e que non nos reclamou ningunha débeda por iso…

Eu quero poder espertar nunha Galicia na que a nosa cultura, a nosa música, o noso xeito de pensar, na que as nosas artes e a nosa filosofía sexan o día a día das nosas escolas… porque ensinar a pensar, a traves da nosa cultura, é o que fai que os pensamentos se convirtan en accións e as accións se convirten así nun movemento de amor ao noso, de revalorización colectiva e apoio institucional para celebrar unha realidade tan única e singular como poderosa.

Espertar nunha Galicia na que a nosa identidade cultural é o motor que nos leva a seguir abrindo camiños, o motor do noso desenvolvemento social, político e económico. Na que a realidade que eu vivo no exterior poida ser a realidade de moitos no interior. Unha identidade cultural tan poderosa como a muller galega, como as viuvas de vivos e mortos que nos trouxeron ao que somos hoxe, unha nación orgullosa dos seus valores.

E remato coas verbas pronunciadas por Castelao no seu discurso Alba de Groria, pronunciado en Buenos Aires no día de Galicia de 1948, durante o seu exilio na Arxentina. Remato co seu discurso porque unha vez lido e re-lido unha dase de conta de que as cousas non cambiaron tanto, ou cambiaron pero non tanto.

Castelao, logo de facer unha fermosa alegoría dunha Santa Compaña formada polos grandes immortais galegos, dicía: “Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderabel, que eso é o que importa para gañar o futuro.”

— Cristina Pato
28 de xuño 2017