El Correo Gallego – 5 de Outubro, 2015 →
NO ano 1994 a Unesco suxeriu que o 5 de outubro se celebrase o Día Mundial do Docente, e aínda que España leva un calendario diferente (utilizando aínda o santoral católico), a celebración internacional dunha das profesións máis antigas e importantes da humanidade merece ser tomada en serio.
Utilizando como lema Empoderar ao profesorado para construir sociedades sostibles, o Foro Mundial de Educación da Unesco aprobou en maio a Declaración de Incheon na que se comprometen a velar por “que os docentes e os educadores estean empoderados, sexan debidamente contratados, reciban unha boa formación, estean cualificados profesionalmente, motivados e apoiados dentro de sistemas que dispoñan de recursos suficientes, que sexan eficientes e que estean dirixidos de xeito eficaz”.
As últimas 20 palabras desta cita foron como unha epifanía para mín: docentes “motivados e apoiados” por “sistemas eficaces”… Fixéronme pensar que quizáis debamos deixar a festividade de San José de Calasanz e abrazar a da UNESCO; pensar que se o nosos políticos, encargados do noso sistema educativo, seguiran os consellos da ONU e entendesen o valor inxente dos docentes e educadores no futuro dunha sociedade, non xogarían tanto co sistema. O documento citado pon de relevo “o feito de que os docentes deben ser empoderados como paso decisivo na consecución da educacion de calidade e das sociedades sostibles”.
Pero para evolucionar, para cambiar, hai que ESCOITAR. Escoitar ao profesorado, e á sociedade, e ás súas necesidades…
Parte da miña carreira na docencia nos EUA céntrase en conectar departamentos universitarios a través das artes, e para min ese é un dos exercicios máis gratificantes que hai. Para poder entregarlles un bo plan de estudos, teño que, durante meses, escoitar e escoitar cales son os puntos débiles de cada un dos departamentos “non artísticos” e con eses datos intentar desenvolver proxectos nos que as artes sexan o nexo de conexión entre os departamentos, departamentos que as veces están nun mesmo edificio e que nunca antes decidiran traballar xuntos. Algunhas das institucións coas que traballo avogan polas artes e entenden que as artes conectan ideas, lugares, xentes e saben que está demostrado que axudan a profundizar na aprendizaxe. As artes cultivan a curiosidade, a creatividade, e dan saída a emocións puras e necesarias para o desenvolvemento do ser humano.
Pero a evolución (ou involución) do actual sistema educativo español amósanos que non está a escoitar a unha parte importante do persoal docente nacional, nin ás institucións internacionais, cando segue a obviar a importancia das artes na preservación e futuro da identidade cultural dunha sociedade. E cando segue a obviar a importancia da motivación e o apoio incondicional ao persoal docente.