A cultura importa

El Correo Gallego – 16 de Novembro, 2015 →

CRISTINAPATOHai agora tres anos que empecei a traballar nunha iniciativa que me cambiou a vida: o proxecto Turnaround Arts, liderado por Michelle Obama e o Comité Presidencial das Artes e as Humanidades da administración Obama. A iniciativa pretendía amosar que as escolas con peores resultados dos EUA podían dar un xiro completo se se integrasen as artes nos seus programas. O programa piloto duraba dous anos, contaba con súper estrelas do cine, da música e das artes plásticas, e aínda que agora continúa de xeito case xeralizado, eses primeiros dous anos foron para mín reveladores.

A primeira escola que me asignaron foi unha escola pública de Lame Deer, nunha reserva de Cheyennes Do Norte no estado de Montana. A historia das reservas de nativos americanos son un exemplo máis de inhumanidade, pero a tristura é que a súa realidade é insostible. Lame Deer é un caso que mistura pobreza, illamento, memoria histórica e identidade cultural. Cada vez que vou traballar alí encólleseme o peito, e xa sei que o teatro, a música ou a pintura non lles van solucionar os problemas de alcoholismo, drogadicción, fame, pobreza, violencia ou malos tratos… pero alí son testemuña directa de que, aínda que sexa por un segundo, a cultura importa, e moito.

A través dun programa de integración das artes vexo sorrir a “rapaces que non recordan cómo”, véxoos emocionados, ilusionados, aínda que sexa por un anaquiño de tempo… as artes libéranos da súa realidade, e danlles a oportunidade de imaxinar e soñar. Foi alí onde me decatei de que o talento é realmente unha responsibilidade, e é alí onde me recordo a mín mesma por que é tan importante a educación artística e cal é o noso rol nesa conversa.

Supoño que agora que se están a presentar as candidaturas para o 20-D haberá algún político que nos fale de por qué importan tanto as artes para seguir nutrin-do a nosa identidade cultural. De por qué importa tanto a cultura, e de que teñen pensado facer para cambiar a situación actual das artes na nosa sociedade e no noso sistema educativo.

Non sei se o supoño ou o soño ou o espero, ou o reivindico… A conversa sobre as artes e a cultura debería ter o mesmo espacio na campaña que a economía e que a política: as artes e a cultura son as pernas nas que se sostén a nosa identidade.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.