El Correo Gallego – 24 de Xaneiro, 2016 →
SEN dúbida o feito de que as artes teñan un espazo propio no foro de Davos é algo que ten que ser mencionado, aínda que os medios globais parecen obviar esa parte. Cada ano o Foro Económico Mundial de Davos reúne a máis de 40 líderes culturais, impulsado polo seu creador Klaus Schwab e a súa muller, Hilde Schwab; o Foro creou hai vinte e dous anos os Crystal Awards que se outorgan a artistas comprometidos coa sociedade en temas de saúde, inclusión social, educación, cambio climático ou a paz mundial.
A cerimonia de entrega destes premios serve como cerimonia de apertura do Foro e reúne a máis de mil cincocentas persoas… entre eles están os líderes políticos e económicos que probablemente poidan vostedes encontrar nos medios que cada día cubren o que se di ou deixa de dicir en Davos.
Na ceremonia de apertura galardoaban a Leonardo DiCaprio polo seu compromiso co medio ambiente e o cambio climático a través da súa fundación creada en 1998; ao artista danés-islandés Olafur Eliasson polo seu labor como creador de comunidades inclusivas a través da súa arte; á actriz chinesa Yao Chen polo seu labor de concienciación da sociedade chinesa con respecto á crise dos refuxiados, e ao músico will.i.am (The Black Eyed Peas) polo seu liderado no campo da educación en comunidades desfavorecidas. E esa cerimonia de apertura pechaba cun concerto chamado Musical Perspectives on Global Cultures (algo así como perspectivas musicais na cultura global) que pretendía celebrar o diálogo intercultural e a confianza e empatía que se xera a través da música.
Ese concerto, ante eses mil cincocentos persoeiros, ante os galardoados, ante o creador do Foro Económico Mundial, contaba cos irmáns Assad, guitarristas do Brasil, co músico chinés Wu Tong, co mestre indio da Tabla Sandeep Das, coa pianista británica Kathryn Stott, co violinista ruso Johnny Gandelsman, coa gaiteira galega Cristina Pato (estou a escribir e a beliscarme ao mesmo tempo) e co Líder Cultural, mentor e visionario Yo-Yo Ma, un dos referentes do cello mundial, e un artista comprometido co valor tanxible que as artes aportan á sociedade.
Si, tiven a fortuna de estar alí, de tocar e de formar parte dunha desas sesións adicadas ás artes que aos medios parecen non lle interesar, pero tamén tiven a sorte de ser testemuña de que aínda que quede moito por facer para que as artes ocupen o mesmo espazo nos medios que a economía e a política, o feito de que este Foro conte con 40 líderes culturais é unha esperanza de cara o futuro.
En palabras do meu mentor, e o culpable de que eu e a gaita galega formemos parte deste ensamble imposible, o concerto celebraba a “cuarta revolución cultural”, a propósito do leit motiv do foro A cuarta revolución industrial, na que o reto cultural radica “na integración de innovación e tradición na sociedade sen perder a nosa identidade cultural”.