El Correo Gallego – 19 de Setembro, 2016 →
HAI agora un ano que escribín a miña primeira columna para este periódico. Recordo escoller esta semana para empezar porque o 21 de setembro é o Día Mundial do Alzheimer, e non podo nin quero esquecer que poder recordar non está ao alcance de todos.
Unha de cada catro familias en España ten un familiar coa enfermidade na casa, e segundo o informe El cuidador en España de Ceafa (Confederación Española de Asociaciones de Familiares de personas con Alzheimer) o 94 % desas familias son as responsables directas dos seus coidados. Os gastos dun enfermo de alzhéimer ou outras demencias son sempre elevados, teñas ou non unha persoa que che axude na casa; a enerxía vital que se consume para manter a positividade cunha enfermidade tan cruel ao teu carón ten tamén o seu custo físico e psicolóxico nos familiares e nos coidadores. Exercitar a empatía, a alegría, a enerxía, buscar cousas coas que mantelos seguros e tranquilos e activos, e recordar sempre que hai un adulto, un ser querido, unha persoa no enfermo, todo iso require tempo, paixón e si, cartos, moitos cartos; porque se un non ten para coidar de si mesmo é moito máis difícil ser capaz de coidar dos seus. Especialmente cando as cousas van mal, cando queres tirar a toalla, cando cres que xa non hai solución, é neses momentos nos que recordas que unha de cada catro familias no noso país están a sufrir o mesmo ca túa.
E non podo parar de pensar nos datos de Galicia, que compartía precisamente na miña columna de hai un ano, en todos aqueles casos que non poden saír adiante, na falta de axudas públicas, na falta de apoio, no exceso na burocracia, na falta de empatía, e na falta de filantropía…
Hoxe o home máis rico do mundo é galego, e como sabiamente escribía na revista dixital CTXT o columnista Gerardo Tecé, a grande diferencia entre o primeiro e o segundo home máis rico do mundo (Amancio Ortega, Bill Gates) é que “Bill Gates adica de forma efectiva parte da súa fortuna a mellorar as condicións de vida dos outros, e o español entende a filantropía como caridade”. Nesa mesma publicación, CTXT, escribía Natalia Hernández Rojo un artigo revelador (Amancio Ortega, símbolo de un país sin filántropos) no que salienta o feito de que Bill Gates leva gastados 37.000 millóns en proxectos solidarios, e Amancio Ortega 150.
Imaxinades canto podería axudar a filantropía nesta Galicia nosa avellentada? Labor social, de axuda, de formación; aportando solucións prácticas para unha realidade tristemente esquecida. Crecín coa idea de que a filantropía forma parte da nosa identidade cultural. Moitos dos que tiveron que marchar nos séculos pasados, os nosos emigrantes, crearon e financiaron moitas das escolas e lugares de beneficiencia que hai tanto na nosa terra como na diáspora… Pois como escribía Borges no seu poema Los Justos, “esas personas que se ignoran están salvando el mundo”.