La Voz de Galicia – 22 de Decembro, 2017 →
Maruxa colleume do brazo e preguntoume por que ía a xente tan rápido. Mirei ao redor e non notei un ritmo diferente na vida de Ourense. Paramos no semáforo e de súpeto miña nai dixo: «tanto cambiou a vida para que teñan que andar todos a correr?»
Creo que nunca nos coñecemos en persoa, pero sinto a súa perda coma se fose un amigo. O seu mundo interior, cheo de matices e de historias invisibles, forma parte da historia de Ourense, e este ano celébranse cincuenta anos da súa obra máis popular e fascinante: o Belén de Baltar.
Levo indo velo dende pequena, sempre con miña nai, e sempre paramos alí, na praza de San Cosme, máis de dúas horas. É imposible describir nesta pequena columna a cantidade de vida que unha pode atopar visitando o seu espazo no casco histórico de Ourense. Escenas da vida cotiá e non tan cotiá: dende mulleres pelando patacas até a botica, a taberna ou o café cantante. Escenas relixiosas e profanas. Unha descrición da vida en barro, cargada de emoción pura, cargada de historias.
Arturo Baltar non chegou ao Nadal este ano. Morreu esta semana e coa súa morte perdemos un artista xenuíno, dos de antes. Un artista que atopou unha linguaxe única para contar as historias que forman parte do noso xeito de ser. Historias de morriña e de melancolía, tinxidas de humor e amor.
Nunca entenderei que é o que fai que uns artistas transcendan e outros non. Pero aínda que Arturo Baltar xa non está, a súa obra perdurará e o seu universo de cousas miúdas pasará á historia como un incrible retrato sociolóxico, en barro, do meu querido Ourense. Iso si, do Ourense pausado do pasado, no que por moito que unha correra non ía chegar máis lonxe…