El Correo Gallego – 3 de Abril, 2017 →
HAI un par de semanas que visitei a cidade de Reggio Emilia en Italia, nunha viaxe de investigación e colaboración continua cos proxectos educativos que se desenvolven nesa pequena cidade. O pasado verán escribín unha columna sobre o impacto que tivo en min poder coñecer e traballar man a man con Carlina Rinaldi, a pedagoga e líder de Reggio Children e do Reggio Approach, o enfoque pedagóxico que cambiou a historia desa cidade, e que se converteu nun referente educativo internacional.
Unha cousa é estudar que é realmente o Reggio Approach, e outra é poder vivilo en primeira persoa. Pero vou comezar cunha das cousas que aprendín mentres estiven alí: o poder das palabras. Traballando cos profesores do Centro Malaguzzi, ensináronme que nos seus centros os rapaces que precisan de axuda extra, xa sexa por problemas de aprendizaxe ou problemas de crecemento, son considerados rapaces con “dereitos especiais”, nin educación especial nin necesidades especiais, DEREITOS ESPECIAIS. E por este pequeno cambio de perspectiva, estes rapaces forman parte da clase de xeito normal e o único cambio que experimentan é que nesas clases en vez de ter dous profesores por clase, pois teñen tres: un deles adicado única e exclusivamente a que estes rapaces reciban os dereitos educativos, as atencións educativas, que merecen.
O enfoque Reggio é un xeito de entender a importancia da educación infantil na mellora da sociedade. Para entender este proxecto educativo temos que remontarnos ao final da Segunda Guerra Mundial e á visión revolucionaria do psicólogo Loris Malaguzzi, que entendeu que naquel momento os cativos tiñan que poder desenvolver outras linguaxes de aprendizaxe antes de entrar ao sistema educativo oficial: estas linguaxes son as linguaxes simbólicas, as cen linguaxes dos rapaces das cales, segundo el mesmo, unha vez entraban no sistema perdían noventa e nove. Por iso o papel das artes como rexenerador da sociedade é o centro deste sistema, así como os principios de respecto, responsabilidade e exploración a través da autoaprendizaxe dos rapaces.
As escolas de Reggio Emilia son coma pequenos laboratorios pedagóxicos. Deseñadas coma unha antiga cidade italiana, cunha praza no medio da escola na que “todos os camiños se cruzan”, cada clase conta de xeito obrigatorio cun artista e un pedagogo que serven como guías para os rapaces, non nun xeito xerárquico, senón nun xeito completamente comunitario: son os rapaces os que deciden o que queren explorar e aprender, e son os adultos os que teñen que escoitar e axudar a guialos para levar a cabo os seus proxectos. Como dicía, nas clases nas que haxa cativos que precisen outro tipo de ritmo, a solución é engadir un terceiro adulto adicado única e exclusivamente a que estes rapaces encontren o seu ritmo dentro da maioría da clase. Un exercicio fermoso de comunidade, aprendizaxe e democracia no que prima o dereito dos rapaces a ter as oportunidades necesarias para desenvolver o seu potencial dende o principio das súas vidas.
Non sei cara onde me levará esta viaxe, pero dende o meu traballo na facultade de educación da Universidade de Harvard, cos que fixen esta visita, e no Silkroad, espero que algún día podamos crear e adoptar esta visión na nosa sociedade en xeral, pois a cultura de escoitar e deixar que cada un aprenda ao seu ritmo é democracia en estado puro.