El Correo Gallego – 4 de Abril, 2016 →
ESTA semana, ollando El País nunha fermosa cafetería de Ourense, atopeime cunha destas viñetas de Forges que tanto che fan rir e pensar. A viñeta presentaba a un home porteando unha bombona de butano e a outro home, algo maior, falando precisamente da situación política actual: a resposta do butaneiro foi un “sí, pero donde le pongo la bombona”; e é que a vida continúa. Os problemas da sociedade seguen a ser problemas da sociedade, e os problemas políticos seguen a ser problemas dos políticos. E namentres, a vida segue igual. Cada un lidiando co seu como mellor se pode, e cada un asumindo que realmente o noso non ten solución.
E nunha especie de desidia e pena, é realmente verdade que o único que podemos facer como sociedade é resignarnos a seguir vendo o que pasa coa sensación de que non imos cambiar nada? pois a vida continúa. E non perdoa. E segue a ser cruel coa sociedade que máis sofre e que non entende porqué é tan complicado poñer a catro seres humanos de acordo.
Estes días, na terriña, coa miña nai e as miñas irmás, desfrutando da incríble calidade de vida desta nosa Galicia, sigo coa medio crise da miña columna de hai un par de semanas. Pero a diferencia, despois de dúas semanas por Ourense, é que hoxe obrígome a velo todo cun prisma positivo, pois se un non se obriga a sacar adian-te a positividade, aínda que as veces sexa complicado, pois daquela xa non habería solución a absolutamente nada. Galicia ten ese algo especial que che recorda o afortunados que somos por vivir e ser e estar nun lugar tan cheo de vida, tan vivo, cunha cultura tan forte e cunha sensación de comunidade que non atopas en moitos lugares do mundo.
Fomos capaces de saír adiante nos peores momentos da historia precisamente por esa mistura de capacidade de traballo, de amor pola terra e de previsión. Seremos capaces de seguir tirando do carro do século vinteún. E aínda que a xeración presente e a que ven teña unha incógnita por futuro, non podemos deixar que a desidia, a desazón, a desesperanza, o desasosego, o desencanto, a desesperación, tomen o control das nosas vidas e o rumbo da nosa sociedade.
Sexamos positivos, prácticos e constructivos e tentemos que, se ten que ser así, a próxima xeración de políticos do noso país realmente reflicta a forza e o amor pola vida e a cultura que ten a nosa sociedade.