El Correo Gallego – 28 de Decembro, 2015 →
SEGUNDO o calendario católico tal día como hoxe, hai aproximadamente 2015 anos, o cruel rei Herodes I o Grande ordenaba a matanza de tódolos nenos menores de dous anos nados en Belén coa intención de fulminar a Xesús de Nazaret. Diferente, ben diferente é a nosa tradición de inocentadas, e de bromas máis ou menos perversas, que parece vir dunha tradición pagana da Idade Media…
O caso é que tal día como hoxe celebramos a inocencia dos inocentes, e por iso quero dedicar esta columna aos refuxiados, aos inocentes refuxiados que sofren por simplemente ser e estar no lugar elexido para unha guerra, como os cativos de Belén.
Segundo o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur ou UNHCR nas súas siglas en inglés) no ano 2014 había máis de sesenta millóns de refuxiados ou desprazados no mundo, unha cifra que recorda ás cifras do momento no que o Alto Comisionado foi creado, despois da Segunda Guerra Mundial, no ano 1949. Imaxinemos ó número oficial de refuxiados do 2015. Santos Inocentes.
Inocentes refuxiados de Siria, de Irak, Afganistán e Líbano. Inocentes refuxiados de Colombia, da República do Congo, de Somalia, do Chad, Darfur, de Kenia. E de un cento de países máis que ao longo da historia dos países ricos e pobres sufriron exactamente o mesmo cancro: Yugoslavia, Vietnam, Chineses en Hong Kong, Camboia, Alxeria e a meirande parte do continente africano. E voltando ao lugar de orixe desta festividade católica, os inocentes refuxiados Palestinos contan incluso co seu propio organismo, a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo, que proporciona apoio aos refuxiados palestinos en Xordania, Líbano, Siria, Cisjordania e a Franxa de Gaza dende o ano 1948.
O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados vixía os seus dereitos, axuda a conseguirlles asilo e aporta asistencia humanitaria. A súa páxina web aporta información extensa sobre os proxectos e campamentos que levan a cabo, incluído o seu programa de bolsas, o seu concurso de ideas e un blog que informa sobre diferentes iniciativas de axuda aos refuxiados que están a facer outras axencias e as ONG. E aínda que as artes non aportan refuxio físico, si que axudan a aportar refuxio emocional, filosófico e espiritual, e é por iso polo que abundan as iniciativas para levar as artes aos campamentos de refuxiados, ou para mostrar o traballo dos artistas refuxiados no exterior, ou para axudar á integración aos artistas xa refuxiados nun país de acollida. Programas como Za’atari Project no que o artista Joel Artista desenvolve obradoiros para crear murais no campamento, ou Skoun, que no Líbano intenta utilizar a parte máis terapéutica da arte na comunidade.
As iniciativas do CEAR, a Comisión Española de Axuda ao Refu-xiado, son tamén interesantes, pero hoxe quédome coa de Artists for Refugees, que xunta aos artis-tas dos campamentos cos artistas do lugar de acollida para que a través do traballo conxunto demostren que os refuxiados son membros que aportan un incrí- ble valor, tanxible e intanxible, á comunidade que os acolle.
Feliz día dos Santos Inocentes.