El Correo Gallego – 3 de Outubro, 2016 →
O MUSEO do Pobo publicou, con acceso gratuíto na súa web, unha fermosísima e incriblemente útil guía para utilizar o noso folclore no campo da pérdida da memoria. Un auténtico exercicio de colaboración, cooperación e amor pola terra e polos nosos maiores (e non tan maiores, pois hai tipos de demencias que atacan cedo na vida). A guía inclúe interesantes artigos, un deles escrito polo grande neurólogo e prestixioso especialista galego o Dr. Alfredo Robles, unha extensa bibliografía e actividades e exercicios baseados no poder que ten a música e a memoria cultural nos pacientes con enfermidades cognitivas. Activando a memoria desde o Museo do Pobo Galego ese é o nome da iniciativa e do pdf que, de balde, calquera individuo ou institución pode descargar.
E agora, imaxinades que podería pasar se un documento coma ese fose unha lección obrigada dos nosos adolescentes? Que ademais de ter que estudalo na súa asignatura de música ou filosofía teñan que levalo a cabo nun centro xeriátrico ao seu redor? Imaxinades un servizo social e didáctico máis potente e xerador que ese?
Pois polo de agora só podemos imaxinar e seguir confiando en que persoas como as que levaron a cabo esta guía non perdan nunca a paixón de seguir loitando polos esquecidos, polos que non son nin mencionados nas campañas electorais… Polos máis de 50.000 galegos que sofren algún tipo de demencia.
E, que non se me esqueza, só o podemos imaxinar porque desgraciadamente a música e a filosofía desaparecen da educación, para dar paso… a qué exactamente? Como podemos medrar como país, como cultura, se non adicamos tempo a desenvolver a humanidade e a creatividade das xeracións que veñen. Iso tampouco foi moi mencionado na campaña electoral… Pois como escribía Dustin Timbrook no Huffington Post “Se queres que os teus cativos sobrevivan no futuro mándaos a unha escola de artes” xa que só sería posible sobrevivir nunha sociedade sen traballo (estamos nela) se un desenvolve e nutre a creatividade de xeito constante.
O novo curso comezou, e esta pasada semana lía sobre o centro de día para persoas adultas con autismo e outras discapacidades de Penagrande (Moraña, Pontevedra) promovido por Apacaf (Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista) e con axuda económica da Fundación La Caixa. O centro naceu como resposta a unha necesidade, e a necesidade é tan imperante que foron capaces de levalo a cabo con, supoño eu, un esforzo infinito. Un centro de día para apoiar, orientar e axudar aos adultos, para poder ter máis autonomía, para ter un lugar no que seguir aprendendo “a valerse pola súa conta”, de xeito personalizado, despois da etapa escolar.
Así que dende este humilde espacio doulle os parabéns a Apacaf e a AGADEA (Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer) e ao Museo do Pobo Galego (e a tantos outros), por sacar adiante proxectos tan necesarios, útiles e fermosos, por loitar contra vento e marea polo futuro dos nosos. Un exemplo máis de que o pobo galego, unido, é capaz de sacar adiante o que faga falta e compensar a falta de empatía e de creatividade das nosas institucións públicas.