Monte Sinaí

El Correo Gallego – 14 de Decembro, 2015 →

CRISTINAPATONON, este non vai de relixión ou de historia, vai das “batallitas” da planta novena do hospital Monte Sinaí de Nova York. A dor aguda lévanos a berrar, chorar, rezar, cantar… si, cantar. Eu pensei que era a única que cando non aturaba máis unha dor poñíame a cantar (por non chorar), pero esta semana, compartindo planta en medicina interna cuns cantos doentes máis, deime conta de que cantar é unha terapia universal. Na sala de emerxencias susurrei un cento de veces o Dum Pater Familias do Códice Calixtino, e o Coro de Románticos da zarzuela Doña Francisquita (este ven da miña adolescencia no conservatorio de Ourense).

Decidiron pasarme a planta como ingresada a noite do pasado domingo, despois de pasar por varias urxencias da miña segunda casa, Nova York. Cheguei de noite, e de noite as dores, do corpo e da alma, tenden a ser máis agudas. Da habitación 21 saía un Ai! constante con acento hispano, da 17 uns berros en chinés, eu estaba na 19, mordendo o labio inferior, e o meu enfermeiro, un filipino chamado Voltaire, falaba alto e devagar por se eu non era capaz de entendelo, e entraba e saía da habitación cantaruxando unha canción en castelán antigo.

Algúns días despois, paseando polos corredores da planta deime conta de que a meirande parte dos pacientes eramos “non americanos”, todos falabamos outras línguas, e o máis fascinante é que os médicos, tamén. A miña primeira compañeira de habitación era chinesa, pois alí veu un médico chinés a tratala. A segunda india, pois alí veu un médico indio… non sei se había algún galego para min, pero polo curioso da miña doenza en seis días fun vista por máis de 14 médicos e cada un era dun lugar diferente. Nova York é como un pequeno gran Babel, no que todos somos de fóra pero somos os de fóra os que facemos NY ser como é.

Ao tema. Na miña segunda mañá escoitei a un médico darlle os bos días a unha paciente lonxeva cunha canción dos Panchos, a enfermeira preguntáballe “recorda ao Dr. Rodríguez? Veuna a ver onte” e a paciente, o único que fixo foi continuar a canción que o doutor empezara… falaban tan alto que podía escoitar todo dende a habitación do lado, e deime conta de que para ese médico unha canción era un xeito de que a paciente, probablemente con problemas de memoria tamén, lle dera toda a súa atención. Esa mesma paciente era a dos Ais! que escoitara a miña primeira noite, uns Ais que nas noites seguintes decateime de que solían rematar con “canta y no llores”… ela, coma min, tamén cantaba por non chorar.

O meu pasou, e saíndo da planta topeime co centro de terapia musical que é parte do Louis Armstrong Department for Music Therapy do Mount Sinai, e aínda que me mandaran gardar reposo, non puiden evitar buscar información do que fai ese centro creado no hospital no ano 1994, e non me digades que non é bonita a súa misión: “a musicoterapia, no contexto médico, busca tratar á persoa como un ser integral, tratando o corpo, a mente e o espírito”.

Hoxe estou felizmente na casa, gardando reposo, e escribindo esta columna, que entre outras cousas espero que sirva para agradecer todo o cariño recibido nestes días.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.