Mulleres

El Correo Gallego – 11 de Xullo, 2016 →

CRISTINAPATOHAI cinco anos que a ONU comezou a súa iniciativa de empoderamento das mulleres e nenas do mundo chamada UN Women (ONU Mulleres). Tendo en conta que hai setenta anos que existe a ONU, o feito de que o seu programa de loita pola igualdade de xénero cumpla tan só cinco anos di moito sobre a desigualdade de xénero nos postos de liderado. Cada vez que leo ou escoito as atrocidades que están a vivir as mulleres e nenas nos lugares de conflicto, como Siria, ou en lugares que nin sequera están en guerra, como México (as protagonistas do documental “Tempestad” da mexicana Tatiana Huezo estremécenme até o infinito) ou ao redor de nos, en calquera lugar do noso país onde a violencia de xénero, ou como decidan chamarlle de xeito oficial, segue a recordarnos que hai moito por camiñar neste aspecto. En contra da violencia de xénero, e a prol do empoderamento.

Pois falando de empoderamento, miremos simplemente as páxinas dos periódicos, e calculemos o número de homes e mulleres que chegan a ser titular e a razón principal pola que o son. Miremos calquera acto oficial, de ámbito público ou corporativo, e contemos o número de mulleres que aparecen na foto. Para mostra un botón recente: sigo dende algún tempo un perfil nunha rede social que se adica a recolectar fotos e noticias sobre este tema, co nome de TodoPirolos, e cun achegamento tan satírico como directo. As impulsoras de esta iniciativa non só nos recordan o lonxe que estamos dunha sociedade diversa e igualitaria, senón que tamén nos recordan o pouco concienciada que está a sociedade sobre o pouco que se está a facer por iso. O botón ao que fago referencia é unha noticia compartida por TodoPirolos: o titular era O curso de medios audiovisuais de Celanova analizará o papel feminino no sector, organizado pola UVigo e a Fundación Carlos Casares, a foto do acto de presentación eran sete homes nunha mesa facendo a rolda de prensa… Sete homes para presentar unha iniciativa que nacía co obxetivo de “analizar e avaliar a presenza das mulleres no sector audiovisual e como se foi consolidando unha representacion que hai anos non se visibilizaba”. Cito a noticia de La Voz de Galicia, e pregúntome se algún dos sete homes chegou a dubidar de se esa era a imaxe axeitada para presentar tal iniciativa.

Sendo Galicia, como é, unha sociedade matriarcal, no caso do meu contorno éme imposible traballar sen mulleres ao meu redor; dende a de producción até a do son ou a de prensa, mulleres, grandes e poderosas. A deseñadora da miña roupa de gala, a dos vestidos das miñas gaitas. A miña xefa en EEUU, a miña xefa en Harvard, a miña nai, as miñas irmás. No meu micromundo sería absurdo non encontrar noticias nas que as mulleres sexan representadas polo que fan e por como o fan. Non é un problema do terceiro mundo, nin dos lugares en conflicto, é un problema global, de todos nos, da nosa sociedade en xeral.

É por iso polo que dende este pequeno espazo reivindico e amplifico o labor de divulgación de TodoPirolos e de tantos outros colectivos que nos recordan que xa está ben. Xa está ben.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.