El Correo Gallego – 22 de Agosto, 2016 →
POIS xa teño 36 anos… o tempo pasa. A miña nai á miña idade, xa tiña catro fillas. Cada unha ten as súas prioridades, pero mirando cara atrás, e nun exercicio de autocrítica, no día do meu aniversario tentei crear un listado do que teño feito eu nestes 36 anos que teña tanto impacto e lle dea tanto significado á vida como parir catro fillas. A pasada semana celebrei o meu aniversario en plena xira, e aínda que estaba lonxe dos meus, polo menos estaba a facer o que máis me apaixoa cunha compañía inmellorable. A xira incluía doce concertos nos EUA e o curso de verán sobre artes na educación no que colaboro na universidade de Harvard.
Esta profesión xa me regalou moitos máis soños dos que nunca me permitira soñar. Regaloume amizades infinitas, leccións diarias de vida e humanidade, e sobor de todo regaloume un xeito diferente de entender a miña profesión mesmamente. Non sei cara onde me levará o futuro, pero polo de agora sei que o camiño faise, con esforzo e fortuna, ao camiñar, e que a experiencia vital de cada un nos axuda a ver, se unha está predisposta a mirar e escoitar sen complexos que é o que falta ao redor de nós (ou en nós) e como podemos completalo.
Hoxe, cos 36 acabados de cumprir, confeso o meu desexo de plantar a semente dunha fundación que axude, coas artes, a aqueles que coidan dos nosos seres máis queridos, xa sexan pais ou nais ou avós con dependencias, ou rapaces con discapacidades, o simplemente de NÓS, nun futuro. Porque se Galicia é unha das comunidades máis avellentadas do noso país, a profesión de cuidador será unha das máis demandadas cando eu, en vez de 36, cumpra 63… E cal é o respeto e o apoio e a formación e a axuda que teñen os que coidan dos nosos máis prezados seres queridos? (…)
Deixo un espazo en branco para a reflexión e comparto a miña revelación de hoxe: teño a fortuna de adicarme ao que me apaixoa; a música, as artes, a literatura teñen salvado a miña vida centos de veces, pero eu tiven a sorte de ter unha nai e un pai que entenderon o poder das artes na vida, no desenvolvemento da nosa personalidade e no desenvolvemento das nosas emocións máis profundas. Os meus pais probablemente non poideron pisar moito a escola na súa infancia, pero foron máis sabios que todos aqueles que hoxe, con títulos e sillóns no Congreso ou no Senado, seguen a pelexar polo que menos importa e a olvidarse do que realmente paga a pena.
A vida diaria, o noso benestar, a felicidade dun pobo radica no valor infinito e a accesibilidade das pequenas cousas. Unha organización que a través das artes promova o benestar, o benfacer e o “benser”. Que axude a valorar sobor de todo a aqueles que axudan, a aqueles que coidan dos que máis o necesitan. Que promova a empatía e que nos axude a ver que hoxe, coma hai 60 ou 100 anos, se non nos axudamos nós, man a man, ombro con ombro, ninguén nos vai axudar.
Hoxe xa teño 36 anos, e espero poder ter a forza e a experiencia necesaria para comenzar de novo por un camiño que aínda non foi creado. “Unha viaxe de mil millas comenza cun só paso” —Lao Tsé Tung.