Peticións ós Reis Magos

El Correo Gallego – 9 de Xaneiro, 2017 →

CRISTINAPATOQUERO compartir con vos a listaxe de desexos da miña carta aos Reis Magos. Este ano pedínlle paciencia, moita paciencia, para poder lidar co día a día, para saber poñer boa cara ao mal tempo e para aguantar os inevitables chaparróns das nosas mini realidades. Pedínlle tamén a capacidade de adaptación aos tempos que corren, ás novas metas, e a un imperante desexo de cambiar de aires.

Como por pedir que non quede, pois tamén pedín algo de forza e resistencia para ser capaz de oír aos lobos antes de que ataquen e para estar preparada para sobrevivir cando o ataque é inevitable. E empatía e compaixón, porque poñerse no lugar do outro non sempre é doado, especialmente cando falamos dos outros como se foran lobos (mea culpa); e porque poñerse nos pes doutra persoa apórtanos humanidade, respeto e valores inexplicables sobre a condición humana.

Tamén lle pedín autocontrol, pois se somos capaces de controlar os nosos impulsos máis mesquiños e negativos quizais o mundo sería un lugar mellor. Aínda que neste caso era unha demanda egoísta: a comida segue a provocar un efecto animal en mín, e a procrastinación é unha tentación que é casi imposible de evitar.

Ah! E disciplina, e coraxe para afrontar todo o que decida afrontar. E perseverancia para non perder as ganas no difícil camiño de tentar facer realidade os soños de facer do mundo un lugar mellor…

E o meu desexo material desta carta foi unha brúxula. Para poder recordarme quen son, e de onde veño, e onde carallo está o norte. Hai algúns anos que perdín a miña, e aínda que ir a procura do norte tróuxome moitos e moi bos frutos, cos anos unha intenta non ter que dar tantas voltas para chegar ao lugar que quere. E iso non sempre é doado.

Dentro da categoría de desexos materiais, pois tamén lle pedín unhas nabizas, e un lacón, e algo de polbo, pois aquí en Nova York non é tan doado de conseguir, e creo que os Reis Magos teñen valixa diplomática.

E por último pedínlle humor. E a capacidade de rir ante a adversidade. E a positividade para ver o mellor da xente, e de min mesma.

As veces ser optimista cansa máis que deixarse levar pola negatividade das desgrazas do día a día. Si, hai moito polo que estar triste e contrariada, pero seguro que se miro ben adentro atopo moito máis polo que estar contenta e agradecida, e é esa a sensación que preciso para levantar a fronte e seguir soñando para manter as ilusións vivas e as metas claras, e ir collendo forza no camiño cara ese norte que non sei (sabemos) nin onde está.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.