El Correo Gallego – 2 de Maio, 2016 →
O meu marido está acostumado a que de cando en vez eu chegue a casa coa frase Xan, acabo de namorar de novo. Despois de dezaoito anos sabe perfectamente que ao que me refiro é a que acabo de descubrir a alguén realmente fascinante. Non tiven a sorte de que nos presentaran, aínda que os dous estabamos a traballar no mesmo acto, o Arts Summit do Kennedy Center, pero hoxe adico este anaquiño de periódico ao cirurxián xeral (Surgeon General) dos EUA, o vicealmirante Vivek H. Murthy. O meu novo amor platónico.
E que é un cirurxián xeral? Pois até o pasado luns eu tampouco tiña nin idea, pero o Surgeon General é un posto creado pola Administración pública dos EUA para tratar os temas de sanidade pública e de benestar. Nomeado por Barack Obama no ano 2013, Vivek H. Murthy ten trinta e oito anos, é graduado de Harvard e Yale, e foi o fundador de Doctors for America, a organización sen ánimo de lucro que comezou o movemento a favor da accesibilidade dos servizos médicos nos EUA e a expansión dos seguros de saúde accesibles.
Pero o que me namorou del non foron estes importantes méritos senón o seu xeito de entender o poder das artes no benestar, e o poder do benestar na saúde. Os dous formabamos parte do evento que anualmente celebra o Kennedy Center en Washington para revalorizar o poder das artes na sociedade. Neste evento, de oito horas de duración e liderado este ano por Yo-Yo Ma e Renee Fleming, xúntanse nunha mesma sala artistas, filósofos, periodistas, pensadores, creadores, políticos, médicos, científicos, e emprendedores sociales para falar do presente e futuro das artes e o seu impacto na sociedade. Do seu impacto social.
E como esta columniña ten límite de caracteres, vou intentar traducir algunhas das citas da persoa que me namorou esta semana:
“A expresión artística é unha parte esencial da vida. Fai que a xente sexa máis pensativa, creativa e polo tanto teña máis empatía”. “A arte e a ciencia son as dúas caras da nosa compartida humanidade. O noso benestar radica en poder xuntalas”. Eu estaba a escoitar a este home e a tomar notas, e a pensar: e se fósemos capaces de integrar as artes de xeito oficial no proceso de curación de milleiros de pacientes, especialmente aqueles con estancias longas en hospitais ou aqueles con enfermedades cognitivas, ou dexenerativas ou aquelas nais de cativos con nacementos prematuros. Imaxinade que non tivésemos que depender da xenerosidade de milleiros de voluntarios das ONG para que a planta de oncoloxía infantil tivera música, pintura ou escultura para que os rapaces poidesen expresar os seus profundos sentimentos, a súa dor ou os seus medos.
O meu amor platónico contounos o poder das roldas de “risoterapia” que facía cos seus pacientes oncolóxicos, e canto importa a empatía no benestar, e canto poden aportar as artes, e pechou a súa ponencia coa idea de que “as artes desbloquean a alegría, e esa é unha ferramenta esencial no noso benestar emocional”. “Vexo as artes como unha poderosa fonte de curación”. Vicealmirante Vivek H. Murthy, Cirurxián Xeral dos EUA.