Quen era o rei nos tempos de Beethoven?

El Correo Gallego – 27 de Xuño, 2016 →

CRISTINAPATOPROBABLEMENTE hoxe todos os medios estean a falar do mesmo: quen gañou, quen perdeu. Pero teño a sorte de poder escribir esta columna uns días antes de que se publique, así que non teño nin a máis remota idea de como saíron parados os políticos no 26-X. E se vos digo a verdade, case prefiro escribir sobre outros menesteres.

Hai unha semana estreábase nos cines americanos o documental de Morgan Neville The Music of Strangers no que se exploran a fondo as razóns polas que a cultura importa. Tiven a sorte de presentar o documental en varios festivais internacionais, e hoxe, a propósito do 26-X, venme a cabeza unha frase do músico iraní Kayhan Kalhor, que é un dos protagonistas do documental. Mentres nos conta a tráxica historia da súa vida e de como as guerras afectaron á súa existencia, remata un dos momentos máis dramáticos do documental coa frase “ninguén recorda quen era o rei nos tempos de Beethoven”, “nos non somos a nosa identidade política, somos a cultural”.

O feito de que nese momento todos nos paremos a matinar sobre quen era o rei na vida de Beethoven di moito da verdadeira realidade da identidade cultural: esa é realmente a que pervive. O xogo da política pode ser realmente perigoso, en especial para os pilares básicos da sociedade, para o benestar, para a cultura e para a educación. No mesmo documental o músico sirio Kinan Azmeh fala de cómo a ninguén lle importa xa o que está a pasar en Siria, e cuestiónase o feito de ser músico e de como poder colaborar nesa causa. “Pode unha peza musical parar unha bala ou alimentar aos famentos?” non, pero a cultura, a música, apórtanos significado á vida, danos esperanza, e ilusión e momentos de escape que son necesarios para o día a día.

Os moitos de nos que temos traballado en lugares de conflicto ou en situacións complicadas ou ao redor da nosa sociedade máis cercana sabemos o importante que é, o moito que pode cambiar a emoción do día ou da semana o feito de que alguén traia música, arte e cultura ás nosas vidas. Canto de contaxiosas son as emocións.

Espero poder encontrar un oco este mes para explorar os moitos proxectos que xa se están a levar a cabo na nosa terra, proxectos como o San Simon Fiddle, con Alfonso Franco e Anxo Pintos (e moitos outros) que achega a paixón polas cordas do violín e a música popular aos máis cativos cunha idea fermosa de comunidade; ou proxectos como o que compartiron conmigo os músicos Ugía Pedreira e Pierrot Rougier: o Coro da Mariña (lucense neste caso), que leva a positividade da experiencia colectiva de cantar nun coro á enésima potencia. Como eles mesmos definen no seu perfil social, nos seus ensaios, para todos os tipos de voces, idades e experiencias musicais, non só se ensina música senón tamén “ideias, conversas, boa comida, cánticos e abrazos a varios niveis”.

Goberne quen goberne hoxe, estes proxectos, a min polo menos, danme esperanza e ilusión, e iso é o que importa. Que seguimos loitando polo noso. Así que para eles, os emprendedores culturais, abrazos a varios niveis.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.