Ser e Facer

El Correo Gallego – 18 de Abril, 2016 →

CRISTINAPATOXA que esta semana celebraremos o cuarto centenario do enterramento de Cervantes e das mortes de Shakespeare e Garcilaso de la Vega (si, todo iso pasou no mesmo ano, 1616) aproveito para compartir un pensamento que lin no libro da nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie Americanah. O libro trata da adaptación cultural dunha estudante nixeriana aos Estados Unidos de América, e é todo un exercicio de reflexión sobre identidade cultural e relevancia cultural das culturas afroamericana e africana. Nun dos momentos do libro, que ten cortes autobiográficos da propia escritora, a protagonista fala de como en Nixeria ela medrou “sendo”, intentando vivir unha vida plena na que traballar ou estudar formasen só unha parte do ciclo vital, e o compara á cultura dos EUA na que, aínda que non queiras, medras “facendo”; dende neno o estar activo, o facer constantemente, para ter uns bos estudos e un bo traballo, son o ciclo vital, non unha parte deste. O libro é unha lectura fascinante, e está tamén editado en español. E Chimamanda Ngozi Adichie é unha das voces máis fortes da literatura africana e todo un exemplo de responsabilidade social e cultural.

Ese momento do libro fíxome lembrar as palabras que Antonio Banderas compartía nun vídeo viral dun programa de televisión do noso país: “Se hace país con gente que se la juega” dicía Banderas despois dunha profunda e articulada reflexión sobre unha xeración concreta da nosa cultura que, seguindo a metáfora de Chimamanda, se centra en “ser” non en “facer”. E é que as culturas de “facer” e de “ser” son dous camiños completamente diferentes se decidimos adicarnos seriamente a un deles; definen un país, unha economía, un xeito de vivir a vida; non teño moi claro cal dos d­ous camiños é o positivo, supoño que depende do momento vital de cada un, pero o que si teño claro é que a cultura de “facer” non entra dentro da posible conciliación da que tanto se fala e na que pouco se avanza, e é un problema global.

Como muller en constante movemento, como artista, que aínda que non queiras tes que estar “facendo” constantemente para poder sobrevivir, soño con poder ficar queda nun lugar facendo o que máis me gusta mentres me centro en “ser”. Soño con poder ter unha vida plena con momentos para os meus, para ser, para escribir, para a miña familia, pero son consciente de que iso só pode ser un soño, pois nin nos EUA nin no noso país nos garanten que adicarse ás artes é unha profesión que che permita un retiro, unha pensión, unha vellez digna. E é niso no que as palabras de Antonio Banderas che fan dudar, por moito que un faga, como artista, para “hacer país”, a realidade é que a diferenza doutras moitas profesións, a nosa non nos devolve un retiro, unha pensión digna, e se no camiño, enriba, unha decide centrarse en “facer”, entón, sen unha solución á conciliación e á situación das artes como profesión, unha entraría a formar parte desa alta porcentaxe de persoas maiores de 65 que viven soas e en risco de pobreza…

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.